O PP de Barreiros alerta dos riscos na praia de San Bartolo e critica a falta de solucións

O Grupo Municipal do PP de Barreiros volveu denunciar a situación de inseguridade que, segundo aseguran, presentan os accesos á praia de San Bartolo, un dos areais máis coñecidos do municipio e que leva pechado desde hai cinco anos. Os populares aseguran que existen varias fosas ao carón das entradas que non están correctamente pechadas, o que supón un risco tanto para veciños como para turistas.
O voceiro do grupo, José Manuel Gómez Puente, recordou que a responsabilidade de garantir a seguridade nas praias recae no Concello, polo que, no seu entender, “é unha competencia da alcaldesa pechar de maneira axeitada estes accesos para evitar calquera risco”.
Segundo explicou, na actualidade colocáronse unicamente unhas valas de obra que “se moven con facilidade incluso co vento, polo que non cumpren a súa función, xa que non impiden realmente o acceso”.
Gómez Puente lembrou que a veciñanza está cansa da falta de avances e que moitas persoas buscan alternativas para poder desfrutar da praia, a pesar do perigo. Neste contexto, advertiu de que esta fin de semana se celebran as festas de San Bartolo, o que incrementará a afluencia de xente á zona de San Cosme, polo que “urxe pechar os accesos perigosos para evitar posibles accidentes”.
O voceiro popular fixo memoria tamén do compromiso adquirido no mes de marzo, cando a alcaldesa e o Delegado do Goberno en Galicia mantiveron unha reunión na que se prometeron melloras en varios areais, entre eles San Bartolo. “Pasaron os meses e nada se fixo”, lamentou.
Os problemas céntranse especialmente na escalinata central de baixada á praia, onde, na marxe dereita, existe unha fosa duns tres metros de ancho e dez de profundidade, “un risco evidente para a integridade física e mesmo para a vida das persoas”. Ademais, hai outra cavidade perigosa de menores dimensións, situada xunto ao paseo peonil detrás do Hotel-Restaurante Acantilado.
“Pese a todas as denuncias públicas e ás mocións que presentamos no pleno, a situación segue igual”, concluíu Gómez Puente, quen avanzou que o PP seguirá insistindo ata que o Concello adopte medidas efectivas.