O PP de Alfoz di que o PSOE rexeita as propostas presentadas

AMariñaXa
Os populares lamentan que “os socialistas priorizasen a RPT á elaboración das contas que se aproban unha vez pasado un terzo do ano”
casa do concello de alfoz
24 Apr 2021

Os concelleiros do PP de Alfoz critican “a falta de interese total do goberno municipal por desenvolver políticas para favorecer o asentamento da poboación no noso concello, ao rexeitar todas as propostas plantexadas polos populares no pleno. “Vemos como Alfoz vai perdendo poboación e os veciños que quedan teñen que afrontar a suba de taxas coas que manter as arcas municipais; pero, pola contra, o Concello non incrementa o investimento con fondos propios”. Así o manifestan trala celebración do pleno extraordinario deste venres no que o goberno local aprobou os orzamentos co voto en contra do PP.

O voceiro popular, Jacobo Geada, lamenta que “os veciños teñamos que pagar máis e o Concello invista menos en ofrecernos servizos ou mellorar infraestruturas municipais; senón que, pola contra, destina eses ingresos a subir o gasto de persoal debido á nova RPT que se converte na estrela do orzamento de Alfoz para este 2021”. De feito, “o goberno municipal priorizou a RPT á elaboración das contas que se aproban unha vez pasado un terzo do ano”.

 

O popular explicou que “botamos en falta políticas de dinamización do concello porque o que vemos son uns orzamentos de subsistencia e de mantemento”. Na mesma liña, os populares cren que “as contas municipais deberían recoller axudas para autónomos e empresas afectadas pola crise da covid-19 “investimentos novos porque os que recollen estas contas son os mesmos do ano anterior”.

Propostas do Grupo Municipal Popular

Jacobo Geada explica que “o goberno local rexeitou a proposta do Grupo Municipal Popular en relación á creación dun programa de axudas para manter a matriculación de estudantes no CEIP Plurilingüe Castro de Ouro incluíndo a partida correspondente nos orzamentos municipais do 2021. Os populares cren que é necesario aplicar algún tipo de incentivos para manter a matriculación no colexio e, do mesmo xeito, loitar contra o despoboamento porque “o colexio do municipio é un servizo fundamental para que as familias se instalen en Alfoz”. 

Ademais desta, o Grupo Municipal Popular presentou outra emenda aos orzamentos municipais do 2021 de cara á creación dun plan de conservación e mantemento de espazos públicos e espazos verdes do municipio. O portavoz, Jacobo Geada, explicou que “o Concello debe atender a estes espazos para que os veciños poidan usar estas zonas ao aire libre e, ao mesmo, ofrecer unha boa imaxe de cara aos nosos visitantes”. Así, reclama un plan que estableza como e cando se deben facer os traballos de mantemento e que permita, polo tanto, facer máis eficiente o acondicionamento das zonas verdes.

0.16098809242249