O PP de Alfoz denuncia a falta de conserxe no CEIP Castro de Ouro catro meses despois da xubilación do anterior

AMariñaXa
Os populares acusan ao goberno local de “deixadez e falta de planificación” por non convocar aínda a praza e alertan dos riscos de manter o colexio sen vixilancia
colexio-alfoz
6 Oct 2025

O Grupo Municipal do Partido Popular de Alfoz criticou con dureza a inacción do goberno local ante a ausencia dun conserxe no CEIP Castro de Ouro, unha situación que se arrastra desde a xubilación do anterior traballador, antes de rematar o pasado curso escolar. Dende entón, aseguran, “non se fixo nada para cubrir a praza”, o que está a xerar “problemas de seguridade e desatención das funcións básicas do centro”.

Segundo explican, durante o curso pasado o propio equipo de goberno manifestara publicamente o seu malestar pola falta deste servizo, pero a realidade é que, a día de hoxe, continúa sen resolverse. “É unha clara mostra da falta de planificación e de responsabilidade por parte da alcaldesa e do seu equipo”, sinalan os populares, que lembran que nin sequera se convocou a praza, polo que o proceso aínda se prolongará varios meses máis.

Os pais e nais dos alumnos levan meses agardando unha solución e expresan a súa preocupación por cuestións básicas como a seguridade das instalacións. “A cancela do colexio permanece aberta as 24 horas do día, o que permite o acceso de calquera persoa allea ao centro”, denuncian.

O PP considera que esta situación é “un novo exemplo da incapacidade de xestión” do actual executivo municipal, “que prometeu un cambio para Alfoz, pero o único que trouxo foi un empeoramento da vida diaria dos veciños”. Engaden que o Concello “leva meses sen dar resposta nin amosar ideas para resolver problemas ou impulsar proxectos”, algo que, ao seu xuízo, “reflicte unha preocupante falta de vontade política e de responsabilidade institucional”.

Os populares fan un chamamento ao goberno municipal para que “reaccione dunha vez e comece a traballar polo benestar e o progreso do concello”. E conclúen que, se non son capaces de facelo, “deberían deixar paso a quen si demostrou ter capacidade de xestión e compromiso cos veciños, como é o Partido Popular”.

⚙ Configurar cookies
0.077134847640991