O PP da Pontenova critica o atraso dos orzamentos e acusa o goberno local de falta de ambición

O Partido Popular da Pontenova criticou con dureza ao goberno municipal socialista tras a aprobación, hai apenas uns días, dos orzamentos correspondentes ao exercicio 2025, cando restan só tres meses para rematar o ano. A portavoz popular, Conchita Novo, instou ao alcalde a “poñerse xa a traballar nos do 2026”, lembrando que estes deben estar aprobados e en vigor o 1 de xaneiro do próximo ano.
A representante do PP sinalou que “os propios informes técnicos municipais recollen claramente que o proxecto orzamentario debe presentarse antes do 15 de outubro e aprobarse de forma definitiva antes do 31 de decembro do ano anterior, segundo marca a normativa de facendas locais”. Por iso, insistiu en que “este goberno vai un ano tarde cos presupostos, o que evidencia unha falta total de planificación e responsabilidade”.
Novo tamén advertiu que o novo documento económico “prevé incrementar varios impostos e taxas, o que supón unha carga adicional para os veciños e veciñas da Pontenova”. En concreto, destacou que o Imposto de Bens Inmobles (IBI) urbano subirá un 17%, mentres que o imposto de circulación (IVTM) tamén experimentará un aumento que permitirá ao Concello recadar “preto dun 20% máis que no exercicio anterior”. Ademais, engadiu, “a taxa de ocupación da vía pública triplica a previsión de ingresos, o que fai pensar nunha nova subida”.
A portavoz popular lamentou igualmente que “non se contemple ningún tipo de crecemento nin investimento ambicioso para o futuro”, e asegurou que “estes orzamentos amosan un PSOE sen ideas, resignado e incapaz de impulsar o desenvolvemento do municipio”. Engadiu que “se conxelan os ingresos previstos polo imposto sobre construcións (ICIO), redúcese un 17% a recadación por licenzas e cae ata un 60% a previsión doutros servizos urbanísticos, como a apertura de novos establecementos”.
Conchita Novo lembrou que o PP xa advertira o pasado ano que a conta xeral do 2023 “poñía de manifesto a falta de impulso económico por parte do goberno local socialista”, o que, ao seu xuízo, “está a provocar un estancamento evidente da Pontenova”. A edil conclúe que “a falta de proxectos, de planificación e de confianza no futuro é o reflexo dun goberno esgotado, máis preocupado por maquillar as contas que por mellorar a vida da veciñanza”.