O PP da Mariña esixe ao Goberno que fixe os prazos para priorizar a A-74
O PP de A Mariña eixe ao Goberno que fixe os prazos para priorizar a A-74, así como o investimento que destina á súa construción. Así o indican logo de que o Ministerio fixese pública a súa intención de avanzar no seu proxecto.
Deste xeito, para os populares, que valoran dito anuncio, consideran que o Executivo de Sánchez “debe de ser máis ambicioso e informar aos mariñaos dos trámites exactos que prevé levar a cabo”, pois esta infraestrutura, indican, “quedou paralizada ao entrar o PSOE na Moncloa”. Precisamente, esta circunstancia foi a que levou aos responsables do PP no Congreso e no Senado a demandar ano tras ano que o Goberno incluíse esta infraestrutura nos Orzamentos do Estado co obxectivo de dar continuidade ao traballo iniciado polo equipo de Mariano Rajoy.
Sen ir máis lonxe, nas contas presentadas para este ano, o importe asignado a esta autovía “foi de risa”, ao igual que en anos anteriores. Así, Pedro Sánchez e os seus socios tumbaron as emendas presentadas polos deputados e senadores lucenses que incluían partidas concretas para impulsar esta infraestrutura que vertebraría esta comarca co noroeste peninsular e co resto de Galicia. Para 2021, de forma nominativa, para os treitos San Cibrao-Burela, os populares propuxeron 2.599.000 euros; para o de Foz-Burela 2.859.000 euros; para o de Foz-O Carme 700.000 euros; e, para o treito O Carme-Barreiros, outros 700.000. Para 2022, as cantidades propostas para os mesmos treitos foron: 2,7 millóns, 2,9 millóns, 728.000 euros e 728.000 euros, respectivamente.
“Alegrámonos de que digan que é unha actuación prioritaria, pero debido á dinámica dos últimos anos, non nos podemos confiar. Os mariñaos merecen e merecemos, polo menos, saber que é o que pretende facer o Goberno”. A este respecto, diríxense aos socialistas tamén da provincia e concretamente desta comarca: “déixense de palabras e dígannos máis feitos. Iso si que sería unha boa noticia e un bo titular”, afirma.