O PP culpa do estado do parque dos Indianos ao abandono municipal
A vicevoceira do grupo municipal popular de Ribadeo, Elena Sierra, critica “a falta dunha xestión eficiente por parte do goberno local do BNG” que supón que “malgaste o diñeiro de tódolos ribadenses”. É que, Segundo Sierra, “a necesidade de renovar na actualidade o Parque dos Indianos débese á falta de mantemento”.
A vicevoceira popular lembra que “este parque foi renovado cun investimento de 220.000 euros na etapa do bipartito cando o señor Suárez era tenente de alcalde” e agora vólvese actuar nel debido “á falta de actuacións de conservación coas que manter en boas condicións este e outros espazos municipais”. Insiste a vicevoceira do Grupo Municipal Popular en que “non hai unha planificación seria de cara á limpeza e conservación dos espazos públicos”. Así mesmo, quedou de manifesto tamén no último pleno que, “nestes momentos nos que é tan necesario, tampouco existe un protocolo de desinfección fronte á covid-19 especialmente nos puntos máis concorridos”.
Sierra asegura que “o Grupo Municipal Popular está de acordo coa mellora dos espazos públicos”. De feito, teñen reivindicado nos últimos meses distintas obras de mellora en zonas públicas, parques infantís, instalacións deportivas e no alumeado público, etc. Pero, segundo explica, “non estamos de acordo en que o goberno local xogue co diñeiro de tódolos ribadenses”.
A popular considera que “este goberno do BNG está cansado e ausente”.