O PP critica que o Goberno de España segue sen aclarar se acometerá a intervención pública de Alcoa
O PP di que o Goberno de España segue sen aclarar se acometerá a intervención pública de Alcoa a pesar da crecente incerteza sobre o futuro da factoría de San Ciprián e a ameza de peche que mantén a dirección da multinacional do aluminio.
O popular José Manuel Balseiro explica que as preguntas formuladas polo PP no Senado, o pasado mes de maio e xuño, aínda non recibiron contestación por parte do Goberno a pesar de que o regulamento desta cámara establece un prazo límite de 30 días para facelo.
As iniciativas do PP buscaban que o Goberno explique se ten previsto cumprir os mandatos parlamentarios que, aprobados por maioría, obrigan ao Goberno a poñer todos os medios ao alcance das administracións para garantir o futuro dunha factoría vital para a economía da Mariña.
En concreto, desde o PP lamentan e censuran a falla do compromiso por parte do Goberno Sánchez e lembran que seguen pendentes dúas medidas fundamentais para todo o sector electrointensivo, en particular dispoñer dun prezo enerxético máis barato e competitivo; e, en segundo lugar, que Sánchez desbloquee os parques eólicos de tramitación estatal que deben subministrar enerxía a Alcoa e que decaeron por estar feitos fóra de prazo.
Desde o PP reiteran o seu apoio aos traballadores e traballadoras de Alcoa e insisten en que Sánchez "non pode seguir lavándose as mans nunha crise que require da acción e compromiso do Goberno".