O PP critica o atraso do Goberno central no estudo xeotécnico para recuperar a praia de San Bartolo

O senador mariñán do PP, José Manuel Balseiro, volveu poñer o foco na situación da praia de San Bartolo, en Barreiros, tras lembrar que o Goberno central “tardou máis de tres anos en encargar o estudo xeotécnico” necesario para avaliar os desprendementos de rochas rexistrados na zona. Segundo explicou, o compromiso de realizar este estudo anunciárase en novembro de 2024 por parte de Costas e do Concello, a pesar de que os problemas na liña de cantís foran detectados xa en 2021.
Balseiro cuestionou ao senador socialista se “está satisfeito cun atraso deste calibre”, tendo en conta que os riscos eran coñecidos desde hai tempo. O representante popular incidiu en que o entorno da praia leva “preto de cinco anos sen ningunha intervención efectiva” e cun deterioro continuo dos cantís, malia ás advertencias reiteradas do Partido Popular. Entre esas advertencias, lembrou a existencia de varios fosos, un deles situado xusto ao lado do paseo marítimo que bordea o areal.
Segundo Balseiro, a decisión de avanzar finalmente cos traballos débese á “presión constante” exercida polo PP, tanto desde o grupo municipal como desde o Senado. Destacou tamén o papel do portavoz local, José Manuel Gómez Puente, quen —segundo indicou— insistiu en presentar a situación como prioritaria.
O senador popular matizou que “as medidas a adoptar deben definilas os técnicos”, pero subliñou que o PP advertiu “desde o primeiro momento” da gravidade do problema e da necesidade de reforzar a seguridade, lembrando incluso que a sinalización de advertencia instalada era “insuficiente”.
O pasado 6 de outubro, a Comisión de Transición Ecolóxica aprobou unha moción do Grupo Popular instando o Goberno de Sánchez a asumir os traballos precisos, seguindo criterios técnicos, para recuperar o entorno e o acceso á praia con todas as garantías de seguridade e normalidade.
“O que levamos tempo reclamando é que se trate esta situación con seriedade, que se actúe coa urxencia que require e que se acometan as intervencións necesarias para evitar danos futuros e devolverlle a seguridade a un areal emblemático de Barreiros”, concluíu o senador.