O PP critica a xestión social do bipartito de Burela

AMariñaXa
Os populares aseguran que o concello é dos que menos inviste en benestar na Mariña e denuncian problemas de accesibilidade no centro de saúde tras o festival Osa do Mar
Burela-Manuel-Rouco-foto-2025
9 Sep 2025

O Grupo Municipal Popular de Burela cuestionou de novo a política social do goberno local que encabeza a alcaldesa López Moreno. Os edís populares puxeron sobre a mesa o que cualifican como “dous pequenos exemplos” que, ao seu xuízo, desmenten “o proteccionismo social do que presume o bipartito”.

Por unha banda, recordaron que Burela figura como “o terceiro concello pola cola na Mariña en gasto social por habitante”. Pola outra, censuraron a “mala xestión” realizada durante a pasada fin de semana no acceso ao centro de saúde, coincidindo coa celebración do festival Osa do Mar.

Os populares felicitaron á asociación Fanto Fantini polo éxito da organización dun evento “que cada ano medra grazas ao esforzo da entidade e ao apoio da Xunta de Galicia”. Con todo, lamentaron que “a festa quedara enturbiada pola actuación do Concello, que provocou múltiples queixas de persoas con mobilidade reducida que se viron con serias dificultades para acceder ao centro de atención primaria”.

Segundo explicaron, as rúas permaneceron cortadas “sen criterio nin planificación”, a información ofrecida foi escasa e os valados colocáronse “fóra de tempo e incluso en lugares inadecuados”. Este luns, sinalaron, aínda se podían ver valados na escalinata de acceso que impedían acompañar ás persoas con mobilidade reducida.

Desde o PP lembraron que levan advertindo desde o mandato anterior “da falta de compromiso real do goberno municipal co ámbito social”. Aseguran que, fronte ao discurso oficial, “os feitos falan por si mesmos: o bipartito di que fai e aparenta facer, pero a realidade é ben distinta”.

⚙ Configurar cookies
0.16595792770386