O PP critica a postura de BNG e PSOE "en contra de apoiar aos traballadores de Alcoa"

AMariñaXa
Ao votar contra a moción do PP que pedía instar ao Goberno a convocar a mesa de seguimento
alcoa-pleno-novembro
26 Nov 2024

Os deputados do Grupo Provincial Popular critican a postura tomada por PSOE e BNG de posicionarse en contra de apoiar aos traballadores de Alcoa e da continuidade da actividade da factoría na Mariña. Ao votar contra a moción do PP que pedía instar ao Goberno de Pedro Sánchez a convocar a mesa de seguimento do acordo de Alcoa de forma urxente, autorizar os parques eólicos vencellados a subministración de enerxía á planta e a desenvolver medidas para garantir a viabilidade da fábrica: aumentar ata o máximo permitido para as industrias electrointensivas as axudas por compensacións de CO2 e articular liñas de axudas públicas, igual que outras empresas consideradas estratéxicas para o Estado.

O voceiro popular, Antonio Ameijide, denuncia que con esta postura, dende o goberno provincial queren manter “a situación de incerteza” de Alcoa nun contexto no que o Ministerio leva meses sen convocar a mesa de seguimento do pacto no que están representados a empresa, os traballadores e as administracións públicas.

A convocatoria da mesa de seguimento “é fundamental” para entre todos os actores implicados acadar a continuidade da factoría e dos postos de traballos. “O Goberno central seguen sen convocala, esa é a realidade”, sinalou.

“A realidade é que o principal problema é o prezo da enerxía e o Goberno de España ten a competencia. Falta un marco enerxético estable e un prezo asequible do que si dispoñen outros países europeos. Necesítase para que compitan en igualdade de condicións co resto da industria electrointensiva europea”, concluíu.

Dende o Grupo Provincial Popular recordan que os propios representantes dos traballadores manifestaron o seu malestar “porque dende o Goberno central nin dende o Ministerio fixeron nada por solucionar o problema, é máis, afirman que o propio ministro nin se puxo en contacto cos traballadores”.

0.16551399230957