O PP critica a “parálise” do Goberno na A-8 e alerta da falta dunha solución definitiva para o Fiouco

AMariñaXa
Senadores populares lucenses reprochan ao Executivo central que siga sen aplicar o sistema de balizamento láser malia demostrar a súa viabilidade
antineboaportada
14 May 2025

Os senadores do Partido Popular pola provincia de Lugo —José Manuel Balseiro, José Manuel Barreiro e Juan Serrano— acusan ao Goberno central de “despreocupación e falta de planificación” ante a situación da autovía A-8 no treito do Alto do Fiouco, un dos máis problemáticos de toda España debido ás frecuentes néboas. Así o manifestaron tras recibir unha resposta oficial ás súas preguntas, na que o Executivo “evita fixar prazos concretos para implantar a solución definitiva”.

As particulares condicións meteorolóxicas deste tramo, situado entre Abadín e Mondoñedo, xeran episodios recorrentes de néboa espesa que obrigaron en numerosas ocasións a desviar o tráfico pola N-634, afectando gravemente á seguridade viaria e á fluidez do tránsito. A pesar de que xa rematou a fase de probas no ano 2021, tras máis de tres anos de ensaios, o Goberno de España continúa sen aplicar unha medida definitiva, a pesar de contar co aval técnico favorable para o uso de balizas láser.

Segundo indicaron os senadores, o propio Executivo admite que o proxecto está actualmente en fase de redacción. Porén, denuncian que se achega o verán, a época na que máis cortes se producen na A-8 debido á néboa, e “seguimos sen un sistema operativo que mellore a seguridade dos condutores en condicións de baixa visibilidade”.

Os representantes populares trasladaron estas preocupacións a alcaldes e voceiros municipais dos concellos afectados, e lamentan que o Goberno non queira ampliar o tramo de balizas detectoras de presenza lateral, alegando que non existe ningún plan en marcha para iso. Tamén preguntaron polos motivos do atraso na implantación do sistema láser, considerado eficaz tanto técnica como economicamente polo comité de expertos.

“Ao PP preocúpalle a seguridade das persoas, mentres que ao Goberno de Sánchez parécelle máis importante falar de horas de corte e cifras estatísticas”, sinalaron os senadores, que tamén critican que este treito da A-8, o que máis interrupcións por néboa rexistra en toda a rede estatal, conte cun dos radares que máis recadan en multas de toda España.

Os populares denuncian que “nin se soluciona o problema da néboa, nin se mellora a estrada N-634, que é a única alternativa cando a A-8 está cortada”. A súa conclusión é clara: “A pesar de todo o que se recada neste punto, non se inviste nada para mellorar a seguridade viaria nin para dar unha resposta seria á cidadanía”.

antineboa-1
antineboa2
antineboa3
neboa4
⚙ Configurar cookies
0.13439917564392