Os senadores do PP por Lugo, José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano, manifestaron o seu malestar pola falta de resposta do Goberno de Pedro Sánchez ante dúas preguntas clave sobre o futuro da planta de Alcoa en San Ciprián. Segundo os populares, o Executivo central non aclarou se ten previsto autorizar os parques eólicos necesarios para subministrar enerxía a prezos competitivos nin se contemplan a posibilidade dunha intervención temporal na fábrica.
José Manuel Balseiro sinala que, das catro preguntas formuladas, só se obtiveron respostas para dúas, eludindo aquelas relacionadas cos parques eólicos e coa intervención da planta. O senador destacou que o propio Goberno recoñece que un prezo competitivo da enerxía é esencial para a viabilidade de Alcoa, pero evita comprometerse sobre a axilización dos trámites para autorizar os parques que xa contan cos permisos da Xunta de Galicia.
Ademais, Balseiro lamenta que o Executivo non se pronuncie sobre a posibilidade de activar unha intervención pública temporal a través da SEPI para asegurar a continuidade da planta e do emprego en San Ciprián.
O senador popular tamén critica que, aínda que o Goberno asegura que implementou medidas de apoio ás grandes empresas consumidoras de enerxía, non se ampliou a compensación polos custos indirectos de CO2 ata o límite permitido pola Unión Europea. Tamén afea que, a pesar de mencionar o PERTE de Descarbonización Industrial, este non se lle concedeu a Alcoa no seu momento.
Para o PP, a continuidade de Alcoa está en risco debido á incapacidade do Goberno de establecer un marco enerxético que permita á planta competir en condicións iguais co resto das fábricas de aluminio en Europa, o que pon en perigo o futuro da única fábrica de aluminio primario en España.