O PP critica a “degradación institucional” do goberno bipartito de Burela pola recepción ao Primeiro Ministro de Cabo Verde

AMariñaXa
Os populares lamentan a ausencia da alcaldesa e a falta de convite á oposición durante a visita de José Ulisses Correia
Concelleiros-PP-Burela
7 Oct 2025

O grupo municipal do Partido Popular de Burela expresou o seu malestar pola que consideran unha “degradación institucional” á que, segundo sinalan, “o goberno bipartito está sometendo ao Concello”. A formación fai referencia á breve recepción de apenas quince minutos ofrecida ao Primeiro Ministro de Cabo Verde, José Ulisses Correia, durante a súa visita á vila.

Os concelleiros populares censuran especialmente que a alcaldesa, Carmela López, “non estivera presente nun acto de tal relevancia institucional”, xa que, segundo lles foi comunicado, “atopábase nunha viaxe fóra de Galicia”. Tamén critican “a escasa participación dos membros do goberno local” e “a falta de convite aos representantes da oposición”.

Desde o PP consideran “especialmente rechamante” esta exclusión, lembrando que o único edil de orixe caboverdiana na corporación, Félix Martins, forma parte do seu grupo. “A visita dun xefe de Estado era unha ocasión perfecta para reforzar os lazos coa numerosa comunidade caboverdiana asentada en Burela, e non para crear divisións nin exclusións políticas”, sinalaron.

Fronte ao que cualifican de “falta de respecto institucional” e de “intento de invisibilizar aos representantes públicos que representan á metade do pobo de Burela”, os populares destacan “a gran acollida e o ambiente de cordialidade” vivido posteriormente na reunión coa comunidade caboverdiana.

Nese sentido, trasladaron “o máis profundo agradecemento aos representantes públicos de Cabo Verde e ás asociacións locais polo convite e pola súa xenerosidade durante o encontro”.

Engaden que “o intento do goberno bipartito de invisibilizar á oposición foi en van”, pois “a realidade demostrou que os vínculos entre Burela e Cabo Verde van moito máis alá das cores políticas e seguen sendo sólidos e fraternos”.

Para o PP, este episodio “é unha mostra máis da degradación institucional que se vive desde o inicio do mandato da señora López Moreno”, unha situación que, segundo denuncian, “nunca antes se producira no Concello”.

“Todo isto súmase —conclúen— ás continuas faltas de respecto e de educación que se repiten Pleno tras Pleno, tanto por parte da alcaldesa como dos primeiros tenentes de alcaldesa, con insultos, interrupcións e incumprimentos reiterados do regulamento municipal, como poden comprobar os asistentes a cada sesión”.

⚙ Configurar cookies
0.080775022506714