O PP considera pobre o presupuesto do Concello de Viveiro
O PP di que o orzamento de Viveiro para este ano, que baixa case un millón con respecto ao anterior, “chega tarde, é moi pobre e reflicte a incapacidade de xestión do goberno local”.
O portavoz popular, Óscar Rodríguez, indica que o proxecto de orzamento xeral do concello baixa, con respecto ao do ano pasado, en case un millón, de maneira que pasa de 14 a pouco máis de 13 millóns, dos que só 241.808 euros corresponden a inversións reais. “Mal empezamos xa no total, porque é evidente que a crise económica xerada pola pandemia de covid-19 esixe unha implicación municipal con todos os recursos dispoñibles”, di Rodríguez. E engade: “Cando os recursos esperados quedan moi por debaixo das necesidades reais, os gobernos teñen que moverse e xestionar maior apoio das demais administracións. E se non o fan, como ocorre en Viveiro, non merecen a confianza dos administrados”.
Explican que "da pobreza das grandes contas deseñadas por Loureiro e o seu equipo para o presente exercicio económico dan idea algúns datos". Como explican, para apoio aos migrantes, en 2019 había 87.000 euros; no proxecto para este ano, 3.000 euros. Para outros servizos complementarios de Educación, no 2019, consignáronse 115.000 euros, mentres que para o ano en curso non hai nada; para orientación laboral, no 2019, o Concello de Viveiro reservou 38.000 euros, que se quedan en 100 euros para este ano. En Igualdade pasouse de 65.600 euros no 2019 a 11.150 neste proxecto orzamentario. Para axudas ao pequeno comercio, aos autónomos, etcétera, no 2020 había 400.000 euros; no actual, só 200.000. Rodríguez di que “o goberno de María Loureiro vai ter moi difícil explicar aos cidadáns o porque dunhas grandes contas que chegan tarde e tan mal”.
Os concelleiros populares lamentan que "a falta de interese do goberno local por xerar investimentos no municipio quede tan patente neste proxecto de grandes contas". Óscar Rodríguez destaca así a falta de partidas suficientes para estimular, xunto con outras administracións, a rehabilitación dos casco histórico, que debería de ser a xoia máis prezada do Concello. Sinala: “A desidia do goberno municipal, ben reflectida neste proxecto orzamentario, propicia que cada día sexan máis os edificios en estado deplorable no casco histórico, e consecuentemente, que cada día estea menos habitado”. En resumo, di Rodríguez, "o proxecto orzamentario chega tarde, é pobre, inadecuado para a realidade de Viveiro e pon de manifesto a falta de xestión do goberno municipal”.