O PP considera “inadmisible” que remate un ano máis sen que Viveiro dispoña do centro de día na Residencia
O PP considera “inadmisible e inxustificable” que remate un ano máis sen que Viveiro dispoña do centro de día na Residencia. "O mandato municipal chega ao seu final e nada se sabe da creación do centro de día na residencia da terceira idade", din os populares vivairenses.
Tamén neste sentido, "outro ano perdido para conseguir para Viveiro un servizo de gran importancia e moi demandado", segundo indica o portavoz popular, Óscar Rodríguez, que sinala “non hai un campo da xestión municipal na que non estea sobradamente demostrada a estas alturas a incapacidade de xestión da alcaldesa, María Loureiro, e do seu equipo. Que a estas alturas Viveiro non teña ese centro de día é totalmente inadmisible e inxustificable”.
Rodríguez lembra que o 9 de abril do 2008 firmouse un convenio de colaboración entre o Concello de Viveiro e Sogaserso para a construción e explotación dun equipamento xeriátrico en terreos cedidos polo Concello de Viveiro. No acordo establecíase que tería 150 prazas residenciais e aproximadamente 50 de centro de día. Posteriormente, no pleno do 5 de febreiro de 2010 aprobouse unha modificación de dito convenio, que nun dos seus puntos queda así: “O equipamento xeriátrico construído nos terreos cedidos de forma gratuíta é única e exclusivamente un centro de atención a persoas maiores integrado por unha residencia e un centro de día, cuxo funcionamento axustarase á normativa aplicable a esta clase de centros e que ten como fin esencial favorecer o colectivo de persoas maiores do municipio de Viveiro”.
Rodríguez destaca que cando se levou a cabo este cambio, xa era concelleiros tanto Loureiro como o actual tenente de alcalde; polo tanto, a alcaldesa en ningún caso pode alegar ignorancia sobre o contido do convenio.