O PP celebra o “bo ritmo de avance” das obras da nova depuradora de Foz
Os concelleiros do PP de Foz celebran o bo ritmo das obras da nova depuradora do municipio, con tres frontes de obra abertos o que permite que se avance de forma notoria. O voceiro popular Javier Castiñeira explica que a propia depuradora na Granda de Forxán, onde os traballos das estruturas dos decantadores van a moi bo ritmo e tamén que a obra do pozo de tormentas, no porto de Foz, está xa na fase de cimentación.
En terceiro lugar, están as canalizacións, unhas obras complexas das que xa se fixeron unha parte importante entre Foz e Forxán. Neste senso, os concelleiros populares amósanse “moi contentos” e explican que nestes traballos vese “o firme compromiso” da Xunta de Galicia con Foz e os seus veciños, con máis de 12 millóns de euros para financiar unha nova depuradora, “moi necesaria xa que a antiga estaba a crear moitos problemas”.
Javier Castiñeira lamenta que, pola contra, a Deputación de Lugo non participa nestes servizos, a pesar de que o alcalde de Foz tamén é deputado provincial: “Tivo ante si unha oportunidade moi importante para aproveitar fondos da Deputación para mellorar o abastecemento de Foz, que hai un ano provocou múltiples problemas, aos que unicamente se puxeron parches, pero non fixo”, ao que engadiu que “as únicas propostas do señor Cajoto para mellorar o abastecemento pasan porque as paguen os veciños con subas de taxas”.
O voceiro popular ve como hai “dúas formas de facer política moi diferentes”. “Está a forma de traballar do PP, buscando financiamento noutras administracións para poder custear novos investimentos; e a do PSOE, que fai o contrario para que paguen os veciños”, explicou. Ante esta situación, dende o PP de Foz esixen PSOE e BNG que busquen outro modelo de xestión. “Pidan a colaboración da Deputación, que o pode facer perfectamente”, rematou.