O PP burelés esíxelle a Llano a aplicación inmediata de axudas económicas ás familias

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O Grupo Municipal do Partido Popular burelés cualifica de “moi graves” as manifestacións da concelleira Carmela López, na que advertía que o Concello deseña novas medidas de emerxencia para paliar as necesidades de 90 familias en situación de risco social e económico.
Captura de pantalla 2020 09 08 a las 9.55.18
22 Abr 2020

O Grupo Municipal do Partido Popular burelés cualifica de “moi graves” as manifestacións da concelleira Carmela López, na que advertía que o Concello deseña novas medidas de emerxencia para paliar as necesidades de 90 familias en situación de risco social e económico.

“Parécenos moi ben que se distribúan alimentos, pero esas familias, por desgraza, tamén teñen outras necesidades, coma pagar alugueiros, abastecementos de auga e luz, o recibo do lixo, etc. Polo tanto, toca actuar xa e deixarse de planificar, que para iso xa tiveron un mes”, destacan.

A concelleira popular, Ana Álvarez, indica que o alcalde e o seu goberno xa tiñan que ter deseñadas e postas en marcha esas medidas. “Quero lembrar que nós presentamos un escrito hai máis dun mes, concretamente o 17 de marzo, no que solicitabamos a ampliación do fondo de continxencia de axudas sociais ás familias, dotado tan só con 17.500 euros, e a súa posta a disposición das persoas e familias necesitadas. Por desgraza, polas declaracións da concelleira socialista, deducimos que aínda non teñen nada feito, algo que, tamén por desgraza, é moi propio do alcalde Llano”, sinala.

Álvarez vai máis aló: “se non saben como facelo, nós podemos dicirlles que esa bolsa económica pode e debe poñerse en funcionamento. Hai partidas económicas dentro do orzamento prorrogado de 2019, en vigor, que están sen esgotar e pertencen á mesma bolsa de vinculación ca partida na que figuran os 17.500 euros xa citados. Pois ben, as Bases de Execución (BE) do Orzamento, no seu artigo 5, describen o nivel de vinculación xurídica, por exemplo, dentro da mesma área de gasto. Pero, a maiores, e no referido ás modificacións de crédito, hai modificacións que non teñen que ir a pleno e que son executivas dende a adopción do acordo de aprobación (artigo 6.5 das BE). O mesmo acontece coas transferencias de crédito entre partidas que sexan aprobadas polo alcalde, tamén son executivas desde o momento de adoptar o acordo (artigo 10.3 das BE)”.

A viceportavoz popular indica que “como se ve, figuras de posible aplicación inmediata hai, sen necesidade de agardar polos orzamentos deste ano, a súa exposición ao público, a elaboración das bases, convocatoria e resolución, que moi ben nos poderían levar a setembro. Por iso demandamos que se faga xa, porque gañaríamos polo menos mes e medio, e este tempo para estas familias suporía demasiada agarda”.

E segue, “no relacionado cos cartos, o alcalde saberá cales son as partidas que están con liquidez e que se poidan vincular xuridicamente á citada partida para incrementala. Por exemplo, as partidas relacionadas con cultura seguro que teñen cartos, e polo tanto susceptibles de aumentar a de axudas sociais ás familias, e agora mesmo o prioritario é axudar ás familias que o necesitan”.

Polo tanto, engade Álvarez, “con estas premisas, esixímoslle ao alcalde que se poña a traballar xa, que esta demorando moito a adopción de solucións, e que as familias non aguantan máis. A partires de agora non ten ningunha desculpa, se non sabía como facelo, cando menos, nós aportamos ideas e propostas”.

Os populares agradecen tamén publicamente a colaboración do Banco de Alimentos e de Mulleres en Igualdade co concello para paliar, na medida do posible, os efectos da crise do Covid-19 nas familias en situación de risco económico e social.

0.11153888702393