O PP burelés denuncia “o total abandono” das instalacións deportivas municipais

TerraChaXa | AMariñaXa
O PP burelés denuncia “o total abandono” das instalacións deportivas municipais
14 Dec 2020

Que as instalacións deportivas municipais estaban totalmente abandonadas por parte do alcalde Llano e do concelleiro de deportes Fernández Rey, era un feito incuestionable, e esta semana quedou demostrado coa desfeita da cuberta da grada accesoria do campo municipal de fútbol da Marosa”, isto é o que afirman dende o PP burelés.

E aclaran, “este feito pasaría por un resultado das inclemencias do tempo, se non fora por que, o estado lamentable destas instalacións, é algo que dende o PP se leva a denunciar durante meses, tralas reunións feitas no seu día coa directiva da SD Burela”.

Os populares fan fincapé en que “a total falta de mantemento das instalacións municipais da Marosa por parte do alcalde, Don Alfredo Llano, e do seu concelleiro de deportes, Ramiro Fernández, fixo que, aquilo que se puido ter evitado, non se fixera provocando un novo absoluto desastre non só na súa xestión se non o que é peor, puido haber provocado un grave accidente tendo en conta a cantidade de rapaces que adestran no campo tódalas semanas”.

“Por certo, nada se sabe aínda da licitación da reparación estrutural da grada principal cando o seu proxecto xa está aprobado e a súa consignación orzamentaria asignada dende este pasado verán. Como ven di o alcalde Llano moitas veces... iso xa está feito”, indican dende o PP.

“Isto é un novo suma e sigue para o Llano e para Fernández Rey, que a semana anterior demostraban, no pleno da corporación, a súa total falta de previsión e de traballo no referente ás instalacións deportivas dos centros educativos de Burela, instándose a eles mesmos, mediante unha moción presentada polo propio grupo socialista, a traballaren nesta dirección, algo que roza o ridículo da concepción de funcionamento político das corporacións municipais”, conclúen os populares.

0.13370680809021