O PP burelés denuncia "as malas formas" do alcalde e do concelleiro Fernández Rey

TerraChaXa | AMariñaXa
O PP burelés denuncia as malas formas do Sr.
9 Xan 2021

O PP burelés denuncia as malas formas do Sr. Llano e do seu concelleiro Fernández Rey poñendo como exemplo o aviso con tan só hora e media de antelación ao Grupo Municipal Popular coa clara intención de que este non acudira á presentación deste venres da Supercopa de España de fútbol sala.

“As cousas teñen que ir moi mal no Concello cando o Sr. Llano e o Sr. Fernández Rey teñen que utilizar este tipo de estrataxemas, para darse autobombo e conseguir unha instantánea cos seus socios de goberno, os concelleiros do BNG, a costa de politizar o fútbol sala”.

No PP aclaran que “isto é algo que empeza a ser habitual, hai uns días non avisaron a ningún representante do Grupo Municipal Popular para que acudira á recepción das Supercampioas. E outro exemplo constitúeo a introdución dun punto no último pleno, de forma totalmente irregular, fóra da orde do día e sen avisar, para facer un discurso político sobre a hostalaría en Burela”.

Sinalan que, “neste último caso, mellor lles iría se cumpriran coas promesas que lles fixeron aos hostaleiros e lles entregaran, por exemplo, algún dos escasos 50.000 euros que ían repartir o ano pasado para axudarlles, e dos que nada saben, ou lles condonara o pago da taxa de terrazas tal e como lles dixo que ía facer”.

“O que nos fai gracia é o cinismo co que actúa o Sr. Llano que, hai uns meses, se queixaba de que a Xunta o avisara con tan só 48 horas de antelación para a visita dunha conselleira a Burela. Dende o PP de Burela poderíamos chegar a entender esa crítica se el se dignara a ter esa mesma cortesía política e avisara aos representantes da veciñanza de Burela, o Grupo Municipal Popular, con esa antelación”.

A MAROSA

Noutra orde de cousas, dende a concellería de deportes, o Sr. Fernández Rey, “tivo o descaro de criticar publicamente que a Xunta non investira nada nestes últimos anos nas instalacións municipais da Marosa sabedor de que, dende o propio Concello, non se lle solicitou ningún tipo de colaboración para manter o paupérrimo estado no que están estas instalacións, de titularidade municipal, dende que os socialistas forman parte do goberno en Burela”. “E é que, tal e como se indicou dende a Secretaría Xeral Para o Deporte da Xunta de Galicia, só houbo contactos para a construción dun pavillón de deportes que finalmente quedou en nada”.

Indican dende as filas populares que “Don Ramiro Fernández esquece, con toda a intención, as aportacións anuais que fai a Xunta de Galicia aos clubs e agrupacións deportivas da nosa vila e que ascenden a uns 130.000 euros”.

“Unha vez máis, Don Ramiro Fernández, trata de botar balóns fóra cando lle apertan os zapatos e é que nos últimos tempos estase a lucir cos incumprimentos que está a ter o propio concelleiro cos usuarios destas instalacións deportivas”. Dende o PP lembran, “xa non nos referimos ao atraso inxustificable na execución dos proxectos prometidos o ano pasado para estas instalacións, algo moi habitual neste goberno local, como son a reparación da grada principal, o peche perimetral do campo de herba artificial ou a reparación da cuberta da grada accesoria... só hai que ver a última nota de prensa na que, coa súa soberbia característica, lle indica á SD Burela que lle debería de estar agradecida polas aportacións feitas dende o Concello”.

“Aqueles veciños e veciñas que queiran ver as aportacións feitas polo goberno socialista que acudan ás instalacións municipais da Marosa estes días e que vexan a situación na que se atopan”, conclúen os populares.

0.18572402000427