O PP asegura que o PXOM de Viveiro está "moi lonxe de ser aprobado"

AMariñaXa
A portavoz do PP de Viveiro, Mariña Gueimunde, advirte que “o PXOM de Viveiro está moi lonxe de ser aprobado, a pesar de que a alcaldesa o prometa ano tras ano, eleccións tras eleccións”.
PP Viveiro
14 Maio 2024

A portavoz do PP de Viveiro, Mariña Gueimunde, advirte que “o PXOM de Viveiro está moi lonxe de ser aprobado, a pesar de que a alcaldesa o prometa ano tras ano, eleccións tras eleccións”. Así o sinala atendendo aos trámites pendentes que recolle un informe dos servizos municipais sobre o seguimento do procedemento do PXOM de Viveiro.

A popular explicq que “vaia por diante o noso desexo de contar cun documento que asemella clave para o desenvolvemento do noso concello e que leva esperando dende o 2011”. Así, “ante a falta de explicacións da situación real do PXOM de Viveiro por parte do goberno municipal, no PP vémonos na obriga de trasladarllo á cidadanía”. Igualmente, engadiu que “moita presa non tiñan cando en decembro do 2023 se remitiron 5 informes ás diferentes administracións que non contaban aínda con informe favorable”.

Gueimunde afirma que “faltan informes sectoriais”. E, máis concretamente, subliña que “están pendentes os informes de patrimonio natural e dos organismos dependentes do Goberno: ADIF solicitou correccións e o Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital informou desfavorablemente ata en dúas ocasións neste ano en materia de telecomunicacións”.

A portavoz popular engadiu que deben notificarse individualmente aos titulares catastrais das 1.155 parcelas incorporadas en ámbitos de actuación e responder ás 524 alegacións presentadas. “Tendo en conta que cada parcela podería ter varios propietarios, a comunicación multiplicaríase exponencialmente igual que o traballo de comunicación”, explicou. Así mesmo, advertiu que “están pendentes de revisión e actualización os documentos de memoria e normativa urbanística” de forma que atendan ás modificacións que se produciron na lexislación.

Ao respecto, a portavoz popular explica que “10 dos informes favorables datan do 2011 polo que “é probable que se lles requira actualización despois de tantos anos” xa que “unha vez se conte co documento completo haberá que adaptalo á normativa actual, pois moitos deles teranse quedado obsoletos”. E, unha vez obtidos tódolos informes sectoriais e corrixidas as deficiencias do documento, a tramitación do PXOM variará dependendo de se os cambios introducidos no documento desde a aprobación inicial supoñen ou non unha modificación substancial na ordenación do territorio.

0.19630694389343