O PP asegura que o alcalde de Foz non atende a residencia
O Partido Popular de Foz considera chamativo que Cajoto pida outra residencia de maiores cando desatende a que ten. “Claro que o PP está a favor dunha nova residencia, como lle dixemos no pasado pleno, pero o señor alcalde leva catro anos sen resolver nada do asilo de anciáns de Foz, unha infraestrutura e equipamento que sabemos que non é municipal pero que si se poden facer xestións para que exista unha posibilidade de que haxa unha nova residencia no noso municipio”, sinala o voceiro popular, Javier Jorge Castiñeira.
“Non entendemos como Cajoto, formando parte do goberno da Deputación de Lugo, non axuda a arranxar o asilo coa Fundación e poñelo en funcionamento como fixo a Xunta de Galicia no seu día”, lamenta Jorge Castiñeira, recordando tamén como varios municipios da provincia, gobernados por socialistas, asinaron convenios co goberno da Deputación para construír nos seus concellos residencias ou centros de atención a maiores.
Javier Castiñeira afirma que “Cajoto usa agora fogos de artificio para desligarse da problemática actual que non resolveu”, recordando que “as axudas de emerxencia para os actuais residentes do asilo aínda non se fixeron polo que por moita partida que haxa non van a chegar aos usuarios”. Para o voceiro popular, unha das solucións pode pasar por un canon que caia como “choiva fina” para tratar de reducir as tarifas de xeito igualitario a todos os usuarios da actual residencia. Por último, Javier Castiñeira sinala que “non se entende que Cajoto pida máis residencias cando a que hai non a atende”. “O que está a facer é faltar ao respecto aos usuarios da actual residencia, aos seus familiares e a todos os veciños de Foz”, sentenciou.