O PP alerta dun posible peche encuberto do SEPRONA en Ribadeo e pide garantías para manter o servizo

O Partido Popular reclama ao Goberno central que dote de persoal e medios suficientes á patrulla do SEPRONA (Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil) con base en Ribadeo. A formación considera que existe unha “intención de peche encuberto disfrazada de reestruturación” e insta a manter o servizo ante o risco de desaparición da unidade.
Os deputados por Lugo Jaime De Olano, Francisco Conde e Cristina Abades levarán esta reivindicación ao Congreso, mentres que o alcalde de Ribadeo, Dani Vega, xa avanzou que “levaremos este asunto ao vindeiro Pleno do Concello, porque non podemos permitir que se perdan servizos esenciais como este”.
Na actualidade, a patrulla conta cun cabo primeiro e un axente que atenden oito concellos da Mariña oriental. Desde o PP subliñan que o servizo nesta zona complétase coa patrulla de Xove, e defenden a continuidade de ambas. “Por razóns xeográficas e ambientais, Ribadeo necesita unha presenza estable do SEPRONA, xa que nesta zona conflúen a costa e o interior e as súas actividades vinculadas á natureza: vixilancia de masas de auga, pesca, furtivismo, benestar animal, caza, turismo ambiental, silvicultura...”.
O PP lembra que a patrulla de Ribadeo colabora habitualmente con confrarías, concellos, asociacións ecoloxistas e incluso protectoras de animais. O seu labor é esencial para controlar actividades sensibles como o marisqueo, a pesca deportiva, o aproveitamento forestal ou a protección da praia das Catedrais.
Os deputados populares advirten de que “a desaparición da unidade prexudicaría claramente a Ribadeo e á comarca” e que “non responde a criterios de efectividade, senón a intereses políticos ou económicos”. Recordan, ademais, que o último informe da Comandancia da Garda Civil de Lugo solicitaba como prioritaria a publicación de dúas vacantes para reforzar a patrulla ribadense do SEPRONA.