O PP alerta dun aumento “desproporcionado” do IBI, a auga e o lixo en Lourenzá

O Partido Popular de Lourenzá manifestou o seu rexeitamento á decisión do goberno local, en mans do PSOE, de incrementar de maneira significativa os impostos municipais para o ano 2025. Segundo detallan os populares, o tipo impositivo que se aplica ao valor catastral, tanto para bens de natureza urbana como rústica, pasará do 0,55 % ao 0,70 %. Isto tradúcese nun aumento do 27 % no recibo do Imposto de Bens Inmobles (IBI).
Ademais, tamén se confirmou unha suba do 25 % nas taxas de auga e lixo respecto ao exercicio de 2024. Para o PP, estas decisións supoñen unha carga desproporcionada sobre os petos dos veciños, que ven como teñen que asumir un maior esforzo económico sen que isto se traduza en melloras nin no núcleo urbano nin nas parroquias do municipio.
“Os veciños pagan cada vez máis, pero non hai avances nin servizos novos que xustifiquen esta presión fiscal”, sinalaron desde o grupo municipal popular, que acusan ao executivo socialista de falta de coherencia e de responsabilidade.
Neste sentido, os edís populares lembran que gobernar non pode significar “trasladar todos os custos á cidadanía mentres se priorizan outros intereses”, e insisten na necesidade de que os recursos municipais se xestionen con maior rigor e transparencia.
O PP esixe que se adopte unha política fiscal máis equilibrada, que non castigue ás familias e que, ao mesmo tempo, permita mellorar os servizos e infraestruturas tanto na vila como nas parroquias.