O PP alerta do abandono nas estradas provinciais da Mariña

AMariñaXa
Critican a falta de mantemento e a escasa planificación dos traballos de limpeza por parte da Deputación de Lugo
Falta-limpeza-marxes-LUP0609-Barreiros-(1)
23 Apr 2025

O Partido Popular denunciou publicamente o estado de deterioro e abandono que presentan diversas vías de titularidade provincial na comarca da Mariña, e sinala directamente á Deputación de Lugo, gobernada por PSOE e BNG, pola súa “nula planificación e falta de mantemento”.

Os deputados provinciais Antonio Ameijide e José María Fernández, acompañados do voceiro local en Barreiros, José Manuel Gómez Puente, revisaron o tramo da estrada LU-P-0609 á altura da Rilleira, onde constataron que “os primeiros seis quilómetros quedaron sen acondicionar”, malia que se iniciaran labores de limpeza.

Segundo indican os populares, hai anos que non se intervén nas marxes desa vía, polo que a vexetación foi medrando ata invadir parte da calzada. Isto reduciu o ancho útil da estrada a apenas 2,5 metros, o que impide o cruzamento de dous vehículos con seguridade, obrigando a un deles a circular por zonas cubertas de maleza.

Ameijide considera inaceptable que as tarefas queden a medio facer, xa que supón “un risco evidente para os usuarios”, moitos deles veciños de lugares como Gondán, Cabarcos ou Vilamartín Pequeno. Ao seu xuízo, a situación desta vía é un exemplo máis dunha “rede viaria provincial descoidada, sen planificación e en claro retroceso”.

O Grupo Provincial Popular leva tempo advertindo destas deficiencias e sostén que a situación actual é consecuencia directa da “incapacidade do actual goberno provincial para conservar as infraestruturas herdadas dos anteriores executivos populares, que contaban con menos recursos, pero con máis eficacia”.

⚙ Configurar cookies
0.12749195098877