O PP afirma que a viabilidade de Alcoa depende do parque eólico do Barqueiro

AMariñaXa
Critican que o BNG pida no Parlamento unha nova exposición pública do parque eólico, que atrasaría aínda máis a posta en marcha deste proxecto
vista-aerea-alcoa-san-cibrao
29 Xuño 2024

O portavoz de Industria do Grupo Popular, Rubén Lorenzo, criticou no Parlamento galego a “desvergoña” do BNG porque “son capaces de reunirse co comité de empresa e manifestarse cos traballadores de Alcoa esixindo a continuidade da fábrica ao mesmo tempo que collen unha pancarta en contra do desenvolvemento dos parques eólicos que subministrarán enerxía eléctrica a esta factoría da Mariña lucense”.

No debate dunha proposición non de lei do BNG a través da que se solicita unha nova exposición pública por parte do Ministerio de Transición Ecolóxica do proxecto do parque eólico do Barqueiro, Rubén Lorenzo lembrou que a viabilidade desta factoría “depende directamente de ter acceso a un prazo da enerxía competitivo e estable, que permita manter a actividade e o emprego”.

Deste xeito, lamentou que o BNG “pretenda retrasar e influír na tramitación deste parque eólico que, a efectos normativos, ten perfectamente taxados os motivos que consideran se unha modificación é substancial e conleva repetir a exposición a información pública, como piden nesta iniciativa parlamentaria”. O portavoz popular lembrou que o parque eólico do Barqueiro solicitou inicialmente autorización para xerar 150 MW de potencia eléctrica e finalmente serán 126 MW.

Ao pasar dos 50 MW, trátase dun parque eólico de tramitación por parte do Ministerio de Transición Ecolóxica, que xa concedeu a correspondente autorización administrativa previa, tendo en conta a súa vinculación co subministro de enerxía renovable a prezo competitivo á factoría de Alcoa. Rubén Lorenzo pediu ao BNG “respecto para os empregados públicos, tanto pertencentes ao Ministerio como á Xunta de Galicia, que se encargan de elaborar os correspondentes informes técnicos porque, moito a pesar dos nacionalistas, desenvolven o seu traballo dun xeito impecable co único obxectivo de protexer o noso territorio aplicando a lei vixente”.

0.17757892608643