O PP acusa o Goberno de Sánchez de prexudicar a Galicia e presenta medidas para aliviar a situación dos autónomos

AMariñaXa
Jaime De Olano critica o financiamento pactado con Cataluña e defende un plan popular para reducir impostos e burocracia ao sector autónomo
RIBADEO-Reunion-deputados-PP---ACISA-2026
9 Jan 2026

O deputado mariñán Jaime De Olano cargou con dureza contra o Goberno central ao asegurar que, baixo a presidencia de Pedro Sánchez, “España é hoxe máis cara” e Galicia resulta “claramente prexudicada”. O parlamentario do PP denunciou o acordo alcanzado co ERC para destinar 4.700 millóns de euros máis a Cataluña e avanzar nunha quita de débeda e nun cambio do modelo de financiamento que, ao seu xuízo, beneficia a esa comunidade en detrimento doutras como Galicia.

Segundo De Olano, esta situación conta coa “complicidade do PSdeG e o apoio do BNG”, aos que acusou de traizoar os intereses galegos. O deputado popular tamén vinculou a xestión do Executivo estatal a unha etapa marcada polos escándalos, a corrupción e unha forte presión económica sobre a cidadanía, sinalando que o incremento dos prezos e dos impostos está a afogar ás familias. Neste sentido, afirmou que a cesta da compra se encareceu máis dun 40 % e que cada español paga uns 3.500 euros máis en impostos desde a chegada de Sánchez á Moncloa.

Estas declaracións realizounas no marco dunha reunión de traballo cos representantes de ACISA Ribadeo, unha asociación que agrupa arredor de 170 comerciantes e profesionais, na que tamén participaron os deputados lucenses no Congreso Francisco Conde e Cristina Abades, xunto ás concelleiras do goberno local Begoña Sanjurjo e Marta Saiz. O encontro forma parte da rolda de contactos que o PP está a manter cos autónomos da provincia para coñecer de primeira man a súa situación e recoller as principais demandas do sector.

Durante a reunión, os populares constataron que a suba do custo da vida afecta especialmente aos autónomos, un colectivo que suma preto de 30.700 persoas na provincia de Lugo e que consideran clave para a creación de emprego e riqueza. Entre as preocupacións trasladadas destacaron a excesiva burocracia, as dificultades de financiamento nos procesos de relevo xeracional, a falta de asesoramento para emprender e, sobre todo, a escaseza de persoal.

Fronte a esta realidade, os representantes do PP explicaron algunhas das propostas incluídas no seu Plan de Autónomos, co obxectivo de reducir a carga fiscal e administrativa. De Olano, membro do equipo redactor do documento, defendeu a necesidade de “valorar o esforzo dos autónomos” mediante menos trabas e máis apoios. Entre as medidas destacadas figura a exención do pagamento do IVE para quen facture menos de 85.000 euros ao ano, a implantación dunha tarifa cero durante o primeiro ano de actividade —ampliable a determinados colectivos— e a simplificación das declaracións fiscais.

O plan popular tamén propón que os autónomos que compatibilizan esta actividade cun traballo asalariado non coticen por enriba da base máxima, así como facilidades para prolongar a actividade máis alá da idade de xubilación e exencións de cotas en casos de enfermidade grave, maternidade ou paternidade. Ademais, inclúe a clarificación e ampliación das deducións de gastos.

En relación ás cotizacións, De Olano lembrou que os autónomos sufriron ata dez subas desde que goberna Sánchez, aínda que recoñeceu que o incremento previsto para 2026 quedou suspendido pola presión do sector. Para o PP, estas propostas son unha alternativa necesaria para mellorar a competitividade e garantir o futuro dun colectivo esencial para a economía galega.

⚙ Configurar cookies
0.086120843887329