O PP acusa ao PSOE de enganar aos veciños de Lourenzá sobre a rehabilitación do mosteiro de San Salvador

AMariñaXa
Os populares critican que o Goberno central rexeitase fondos propios para o proxecto mentres a Xunta xa investiu máis de 360.000 euros no monumento
PP-Lourenzá
6 Mar 2025

O Partido Popular acusa ao PSOE de tentar enganar aos veciños de Lourenzá respecto á rehabilitación integral do mosteiro de San Salvador. Segundo denuncian os populares, a iniciativa aprobada na Comisión de Cultura do Senado inclúe tanto a elaboración como a execución dun proxecto por parte do Goberno de España, en solitario ou en colaboración con outras administracións, algo que, segundo aseguran, os socialistas intentaron ocultar.

O voceiro do PP de Lourenzá, Roberto Díaz, sinala que a deputada autonómica Patricia Otero, o senador César Mogo e a propia alcaldesa “minten e tratan de parvos aos veciños”, ao non recoñecer que a iniciativa popular é máis ambiciosa que a emenda presentada polo PSOE, que foi rexeitada. Díaz destaca que a proposta do seu partido non exclúe o apoio de ningunha administración, mentres que a emenda socialista non garantira unha achega de fondos propios por parte do Goberno central nin esixía que liderase o proxecto.

Os populares lamentan que o Goberno de Pedro Sánchez teña rexeitado en reiteradas ocasións a rehabilitación do mosteiro. “Dixéronlle non ás axudas do 2% Cultural, confirmaron que non había previsión de proxectos de recuperación e incumpriron a súa promesa de destinar máis de 2 millóns de euros do Plan Nacional para o turismo Xacobeo 21/22”, denuncia Díaz.

En contraposición, o PP destaca o compromiso da Xunta de Galicia co patrimonio arquitectónico de Lourenzá. O goberno autonómico ten realizado actuacións en tres ocasións no monumento, incluíndo un investimento recente de máis de 360.000 euros para rehabilitar a igrexa do mosteiro.

“O Goberno de España nin está nin se lle espera. Rexeitaron todas as obras, tanto as que prometeron eles mesmos e nunca chegaron, como as solicitadas polo Bispado de Mondoñedo-Ferrol por valor de 3 millóns de euros. Ata o de agora, non teñen investido nin un só euro no mosteiro de San Salvador”, conclúe Díaz.

⚙ Configurar cookies
0.16056203842163