O PP acusa ao goberno de Viveiro de marxinar a Celeiro e esixe a restauración da rúa da Cachocha
O goberno municipal de Viveiro, en opinión dos concelleiros do Partido Popular, somete aos veciños de Celeiro á situacións de incomodidade, risco e feísmo urbanístico inxustificables.
Según os populares "en Celeiro hai moitas deficiencias urbanas", para empezar centran as súas críticas no "estado en que se atopa a celeirense rúa da Cachocha, que é una longa escaleira que une O Celeiriño coa zona do porto, co paseo marítimo. Os chanzos están desgastados, fendidos, desaxustados e irregulares, de modo que pisar neles constitúe un verdadeiro risco, un perigo de caída. É necesario que o goberno municipal saía da zona de confort na que está instalado, visite Celeiro e tome as medidas adecuadas para corrixir as deficiencias que, a pouco que mire, verá". Para comezar, os edís populares recomendan a Loureiro que poñan man á obra nestas escaleiras, nesta rúa da Cachocha, antes de que ocorra un accidente. Os populares din que "reparar esta rúa supón moi poucos cartos; polo tanto, se está no estado no que está é debido unicamente á falta de vontade política do goberno municipal para solucionar o problema".
Óscar Rodríguez sinala que “o que se está facendo cunha parroquia chea de atractivos como é a de Celeiro é totalmente inxustificable e inexplicable. O goberno municipal, ao non facer nada en Celeiro, pero nada de nada, o que consigue é facerlle a vida imposible á xente e que esta marche para outros sitios, de maneira que Celeiro estase despoboando. Isto é inadmisible”. Rodríguez insta a Loureiro a adoptar as medidas precisas para corrixir as deficiencias das infraestruturas en Celeiro, empezando pola Rúa da Cachocha, porque o seu mal estado constitúe un serio perigo para as persoas que transitan por ela.
CONCELLO. O grupo de goberno do Concello de Viveiro lembra que desde o ano 2016 investiu preto de 490.000 euros en diferentes obras e actuacións en Celeiro, lamentando “as mentiras do PP, con declaracións ruíns e acusacións que non teñen nada que ver coa realidade”.
O grupo de goberno quere responder ás manifestacións do portavoz municipal do PP, Óscar Rodríguez Blanco, e dos concelleiros José Soto e Inmaculada Nespereira, en relación ao estado da rúa da Cachocha en Celeiro e ao suposto abandono da zona por parte do concello.
“As súas declaracións nada teñen que ver coa realidade, o PP mantén o discurso da desidia e do confort en que está instalado o goberno municipal tratando de confundir á veciñanza”, afirma Jesús Fernández, tenente de alcalde do concello.
Desde o concello admiten que hai diferentes servizos e infrestruturas que reformar e mellorar, tanto no centro urbano como nas parroquias, e así o fará na medida en que o permita a economía municipal, pero lembran que no caso de Celeiro o investimento chega aos citados 490.000 euros desde 2016.
En concreto, no ano 2016 realizaronse traballos por valor de 64.130 euros na reposición do firme do vial da rúa do Cemiterio, desde a estrada xeral ata o propio cemiterio de Celeiro, e nese mesmo ano 8.500 euros para o aglomerado nas rúas lindeiras á rúa do cemiterio, unha á dereita e outra á esquerda.
No ano 2017, 98.855,29 euros para a mellora e reposición de saneamento e rede de sumidoiros e abastecemento de augas entre os números 70 e 96 da rúa Grande, así como a pavimentación e posta en marcha de servizos na rúa Rego da Fonte (190.000 euros).
No ano 2018 cometéronse tamén varias obras como a reposición de firme no Camiño Real da Costa (6.049,88 euros); pavimentación e servizos entre os números 96 e 102 da rúa Grande por un valor de 38.310,62 euros; reposición da rede de abastecemento de auga na marxe esquerda da rúa San Roque, no grupo de vivendas do Chao (7.746,76 euros), e finalmente a pavimentación e servizos da Rúa A Calexa (64.021,38 euros).
No pasado ano 2019 procedeuse á instalación de elementos semafóricos para unha maior seguridade viaria no cruce de Catro Camiños (9.259,97 euros), e así mesmo realizouse a pavimentación de parte do camiño O Roufelle, por un importe de 3.000 euros.
Xa está realizado tamén o proxecto para a pavimentación e servizos da rúa Arribada (100.000 euros), existindo outras actuacións a realizar, como son a limpeza do espazo entre as rúas Purísima e San Pantaleón no Chao, e a obra de firme entre a rúa que vai da avenida Gerardo Arguindey ata os Espiñeiros. Tamén a continuación dos traballos na Rúa Grande ata a igrexa.
“E xa finalmente falamos da rúa do Porto, porque non sabemos por onde pasaron os dous concelleiros do Partido Popular na súa visita a Celeiro; da rúa do Porto non falan nada porque é de titularidade de Portos de Galicia, pertencente á Xunta de Galicia, e como é da súa mesma cor pois entón non queren poñelos en evidencia”, engade Fernández.
“Sobre esta rúa xa se falou en varias ocasións para a súa humanización con Portos, Deputación de Lugo e a Confraría de Pescadores; seguiremos avanzando para que o proxecto se poida facer”, explica o tenente de alcalde de Viveiro.
“Finalmente, quixeramos saber cantas veces pisaron Celeiro os tres concelleiros citados, visto que descoñecen todas as actuacións descritas”, remata.