O PP acusa ao Goberno de ignorar as deficiencias da N-642 en Burela e Foz

Foz
AMariñaXa
Veciños e usuarios da N-642 advirten dos perigos que supón o deterioro da vía e esixen medidas inmediatas
Variante-Foz-N642-mal-estado
28 Mar 2025

O senador do Partido Popular, José Manuel Balseiro, alertou de que, segundo a resposta do Goberno ás preguntas formuladas polos senadores populares sobre a situación da estrada N-642, o Executivo de Pedro Sánchez non prevé levar a cabo ningún tipo de mellora. Esta falta de actuación mantense a pesar do estado deficiente que presenta esta vía, especialmente nas variantes de Burela e Foz. No tramo comprendido entre a rotonda de Vilaxoane e Fazouro, incluíndo a zona do polígono, pódense atopar numerosos parches mal realizados, fochancas e un firme visiblemente deteriorado, o que fai necesaria unha intervención inmediata.

Os representantes lucenses do PP no Senado solicitaron información por escrito sobre as previsións do Goberno para corrixir esta situación, as actuacións previstas e os prazos de execución. Como resposta, o Executivo indicou que despois de realizar obras de rehabilitación do firme entre os puntos quilométricos 26,950 e 28,800, e do 36,500 ao 55,000, "o estado de conservación da N-642 é, en termos xerais, correcto".

Balseiro criticou con dureza esta afirmación, asegurando que o Goberno "está a rir dos veciños da Mariña", xa que calquera persoa que circule pola comarca pode comprobar a diario as deficiencias da vía e das súa variantes. Pola súa banda, o portavoz do PP en Foz, Javier Castiñeira, tachou a resposta do Executivo de "insulto á intelixencia dos focenses", subliñando que afirmar que a estrada está en boas condicións é "totalmente falso".

Castiñeira lembrou que son numerosas as queixas recibidas por parte de veciños e condutores debido á gran cantidade de parches mal executados. "Xa non só o din os focenses, senón calquera persoa que transite pola N-642 pode comprobar o seu estado deficiente. Falamos dunha vía por onde circulan miles de vehículos diariamente", sinalou o portavoz.

O representante popular insistiu ademais en que as pequenas reparacións levadas a cabo "non son suficientes". "Vimos dun inverno duro e xa se están formando novos baches. Agora achegámonos ao verán, unha época de maior afluencia de tráfico, con turistas que visitan a zona, e a imaxe que se vai ofrecer será lamentable", advertiu, denunciando que "o Goberno de Sánchez non ten ningunha intención de mellorar a variante".

Sen avances na A-74

Balseiro criticou ademais a inacción do Goberno en relación á autovía A-74. "Non só non fixeron nada nestes sete anos para avanzar neste proxecto, senón que tampouco son quen de manter en bo estado a estrada nacional que vertebra a Mariña e serve de principal vía de comunicación co hospital público, o porto de Burela ou a fábrica de Alcoa", afirmou.

Neste sentido, Castiñeira engadiu que "os socialistas seguen a abandonar as infraestruturas da Mariña. Prácticamente non hai avances na A-74 e, como mínimo, deberían garantir o bo estado da N-642, que na súa actual situación está a causar molestias tanto a veciños como a usuarios".

⚙ Configurar cookies
0.21155214309692