O PP acusa ao goberno de Burela de ocultar datos sobre o gasto das patronais

O Partido Popular de Burela volveu poñer no punto de mira a xestión do goberno local, encabezado por López Moreno, ao rexeitar este a súa proposta de dar a coñecer o balance económico das festas patronais deste ano. “Trátase dunha información que debería ser pública e transparente”, manifestaron os edís populares, que non entenden “que hai que ocultar para negarse con tanta rotundidade”.
A votación produciuse no último Pleno municipal, onde o bipartito optou polo “non” á petición popular. Para o PP, esta decisión “constata, unha vez máis, a falta de transparencia do actual executivo”. Lembran, ademais, que no ano anterior a concelleira responsable “polo menos fixo un esbozo das contas, aínda que os datos non coincidían co gasto declarado; pero polo menos houbo unha tentativa de explicación”.
Os populares van máis alá e falan de “terribles irregularidades” no expediente das patronais. Segundo explican, “o plan de seguridade aparece encabezado por unha asociación que xa non existe, que leva meses disolta, e figura como presidida por alguén que nunca pertenceu a ela, senón que lidera outra entidade diferente”.
O grupo municipal conclúe que “unha vez máis, o rodillo das irregularidades e a opacidade esmagan as expectativas dos veciños de contar cun equipo de goberno próximo e veraz”.