O PP acusa ao Goberno central de abandonar as parroquias de Cervo sen conexión a internet nin cobertura móbil

AMariñaXa
José Manuel Balseiro denuncia no Senado a falta de medidas concretas do Executivo para mellorar a conectividade en Trasbar, Castelo e A Senra
internet
23 Apr 2025

O senador cervense José Manuel Balseiro advertiu esta semana no Senado que o Goberno central “non ten previsto garantir a conectividade nas parroquias de Cervo”, segundo se desprende da resposta ofrecida polo Executivo ás preguntas formuladas polos representantes do Partido Popular de Lugo. As cuestións, presentadas por Balseiro, José Manuel Barreiro e Juan Serrano, poñían o foco nas importantes carencias en comunicacións móbiles e acceso a internet que sofren os veciños das parroquias da Senra, Trasbar e Castelo.

A iniciativa chegou á Cámara Alta a petición expresa da alcaldesa de Cervo, Dolores García, preocupada pola situación na que se atopan moitas familias do municipio que, por mor desta fenda dixital, vense obrigadas a desprazarse a outros puntos para poder traballar, estudar ou realizar trámites básicos.

Balseiro salientou que a responsabilidade en materia de telecomunicacións recae de forma exclusiva no Goberno de España, como así o confirmou tamén a Valedora do Pobo ás asociacións veciñais destas parroquias. Porén, a resposta do Executivo central non concreta medidas nin prazos para solucionar estas eivas. “O Goberno de Sánchez segue sen dar solucións reais aos problemas de conectividade do noso rural”, lamentou o senador popular, que anunciou a presentación dunha iniciativa no Senado para esixirlle ao Executivo que actúe con urxencia.

“A pesar das promesas reiteradas sobre a extensión das redes móbiles e da fibra óptica, a realidade é que boa parte das zonas rurais seguen sen acceso a estes servizos esenciais”, indicou Balseiro. Subliñou, ademais, que a situación resulta especialmente inexplicable tendo en conta que varios ministerios, como o de Transición Ecolóxica ou o de Transformación Dixital, xestionan importantes fondos europeos dirixidos precisamente a mellorar a conectividade no rural.

Segundo o representante popular, “non se trata só dunha cuestión técnica, senón dunha cuestión de equidade e de oportunidades: o rural non pode quedar atrás mentres se anuncian investimentos millonarios que non chegan aos lugares que máis os precisan”.

⚙ Configurar cookies
0.15952491760254