O PP acusa á nova presidenta da Deputación de aplicar en Lugo o “método Tomé” implantado en Burela

O Partido Popular advertiu de que a nova presidenta da Deputación de Lugo está a reproducir na institución provincial o que cualifican como o “método Tomé”, un modelo de actuación que, segundo sosteñen, xa aplicou durante a súa etapa como alcaldesa de Burela. Os populares falan de actitudes “déspotas e autócratas”, así como de intentos reiterados de ocultar información á oposición.
Desde o PP consideran que a presidenta provincial é “claramente a alumna avantaxada” de José Tomé, a quen sinalan como o seu principal valedor político. Segundo lembran, foi el quen impulsou a súa candidatura ás eleccións municipais de 2023 en Burela, nun proceso interno que describen como polémico e que se produciu, aseguran, en contra das pretensións do actual tenente de alcaldesa, Fernández Rey.
Os concelleiros populares amosan tamén a súa preocupación polo impacto que este novo cargo poida ter para Burela. Ao seu entender, a súa etapa como responsable da área económica da Deputación non trouxo beneficios para o municipio e, no ámbito local, lembran que o goberno bipartito que lidera non foi quen de aprobar con regularidade os orzamentos municipais. De feito, aseguran que no actual mandato só se conseguiu sacar adiante unhas contas anuais.
Desde o PP local critican que a alcaldesa “dedique máis tempo a confrontar coa oposición que a gobernar” e subliñan o que consideran unha incapacidade para dar resposta aos principais problemas da vila. Tamén denuncian irregularidades na xestión administrativa do Concello e ataques verbais directos aos representantes da oposición, preguntándose se estes foron os métodos que levaron ao PSOE a propoñela para presidir a Deputación de Lugo.
Entre os incumprimentos que enumeran, lembran as promesas realizadas sobre o mercado semanal dos venres e sobre as gradas do campo de fútbol da Marosa. Segundo indican, o mercado reduciuse notablemente respecto a anos anteriores e non se conseguiu atopar ningunha empresa que execute as obras no recinto deportivo.
Os populares citan ademais outros problemas que atribúen á xestión do bipartito local, como a peor ratio de vehículos por praza de aparcamento público da historia de Burela, numerosas obras rematadas con deficiencias que tiveron que ser repetidas, o incremento de taxas e impostos municipais —como a auga ou o IBI— e a falta de persoal na Policía Local para cubrir todas as quendas ao longo do ano.
Con todo, desde o PP conclúen que o cambio na presidencia da Deputación responde unicamente a unha operación de imaxe, sen que isto implique unha modificación real na xestión da institución provincial, que consideran continuísta e realizada, segundo apuntan, coa connivencia do BNG.