O PP acusa a José Tomé de usar fondos da Deputación con fins partidistas en Viveiro

O Grupo Provincial do Partido Popular lanzou este luns unha dura crítica contra o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, a quen acusan de manipular recursos públicos con fins políticos e de traizoar os compromisos adquiridos cos veciños de Viveiro. Fíxoo durante o pleno celebrado hoxe, no que os deputados populares lamentaron que Tomé renegase do investimento de 1 millón de euros prometido o pasado 13 de febreiro ao municipio viveirense.
Segundo lembraron os populares, aquela promesa formulárase en público no contexto dunha crise política local, coa intención de frear a moción de censura que finalmente desaloxou do goberno municipal á socialista María Loureiro, substituída por un novo executivo con maioría alternativa. “O que quedou claro é que Tomé puxo a chequeira da Deputación ao servizo do PSOE para tentar evitar a moción”, sinalaron.
Os deputados do PP defenderon unha proposta para que a Deputación executase os investimentos comprometidos e para que garantise unha liña de actuación clara e equitativa con todos os concellos de menos de 20.000 habitantes, como é o caso de Viveiro. Esixiron que se apliquen criterios de transparencia e igualdade, sen que as decisións de financiamento dependan da cor política dos gobernos municipais.
No seu argumentativo, os populares destacaron que Viveiro leva anos sufrindo un retroceso en desenvolvemento económico e infraestruturas, e consideran que a situación actual do Concello é consecuencia directa “da mala xestión acumulada por PSOE e BNG nos últimos anos”.
Ademais, aseguraron que a colaboración da Deputación con Viveiro se limitou a apoios puntuais para gastos correntes, pero que moitas das promesas públicas feitas polo propio presidente provincial quedaron en papel mollado. “Ese é o grao de compromiso real que teñen PSOE e BNG cos veciños de Viveiro”, ironizaron.