O PP acusa a Deputación de Lugo de ocultar problemas na residencia de Trabada

O Grupo Provincial Popular da Deputación de Lugo vén de denunciar publicamente que a residencia de maiores de Trabada acumula, polo menos, dez reclamacións por escrito no libro oficial do centro, o que —na súa opinión— desmonta as afirmacións do presidente da Deputación, José Tomé, quen a semana pasada negara a existencia de calquera tipo de problema no funcionamento da instalación.
O deputado provincial e voceiro do PP en Trabada, José María Fernández, instou a Tomé a “dicir dunha vez a verdade”, despois dunha reunión mantida este luns entre representantes da Deputación e familias dos residentes. “A única resposta do señor Tomé foi acusar ao PP de buscar rendemento político, cando o que realmente buscamos é que se respecte a dignidade dos maiores e os dereitos laborais das traballadoras do centro”, afirmou o deputado.
Os populares aseguran que as advertencias sobre irregularidades no servizo non son novas. “As familias levan meses alertando de deficiencias que incluso chegaron a rexistrarse formalmente, e mesmo se interpuxo algunha denuncia ante a Garda Civil pola gravidade dalgunhas situacións”, sinalou Fernández. Por este motivo, o PP solicita que o presidente da Deputación “se retracte” das súas palabras e recoñeza os problemas que, segundo eles, están ben documentados.
Desde o Grupo Provincial Popular tamén se reclama que o goberno provincial e o Concello de Trabada pidan desculpas públicas “por negar sistematicamente os feitos” e que, dunha vez por todas, “poñan solución aos problemas para garantir un servizo digno ás persoas usuarias da residencia”.
Así mesmo, os deputados populares anunciaron que solicitarán acceso á residencia co obxectivo de comprobar de primeira man a situación actual, reunirse coas traballadoras e escoitar tanto a usuarios como a familiares. “Mentres Deputación e Concello seguen mirando cara outro lado, nós queremos poñer o foco na realidade que se está a vivir no centro”, explicou José María Fernández.
O deputado insiste en que o seu grupo non busca enfrontamentos políticos, senón solucións. “Os responsables da xestión son o Concello de Trabada e a Deputación de Lugo, e deberían asumir que esta situación non pode continuar. As nosas reclamacións non son políticas: recollen as demandas das familias, que só queren unha atención digna para os seus maiores”.