O PP acusa a Cajoto de “deshumanizar” o centro urbano de Foz co seu modelo urbanístico

Foz
AMariñaXa
Os populares denuncian obras con sobrecustos, falta de diálogo e actuacións que dan protagonismo ao asfalto en detrimento das persoas
Foz-Avenida-da-Marina-paso-peons-mal-estado
9 May 2025

O Partido Popular de Foz volveu cargar con dureza contra o modelo urbanístico do alcalde Fran Cajoto, a quen acusan de executar unhas políticas “frías, grises e hostís” que, segundo o voceiro popular Javier Castiñeira, “están a deshumanizar o centro da vila, maltratando espazos públicos e esquecendo por completo ás persoas”.

Segundo Castiñeira, as actuacións do actual goberno local están marcadas por un único obxectivo: borrar calquera vestixio do traballo realizado nos mandatos anteriores. “O único que lle importa a Cajoto é desfacer o feito polo PP, aínda que iso supoña gastar centos de miles de euros e complicarlle a vida á veciñanza”, afirmou.

Como exemplo paradigmático, o PP cita as obras do Barrio das Casas Baratas, que acumulan máis de dous anos de atraso e un sobrecusto que, segundo os populares, arredor os 150.000 euros. “É unha auténtica vergoña que os veciños leven tanto tempo aguantando esta situación. Cajoto prometeu unha solución e o único que fixo foi agravar o problema”, denunciou Castiñeira.

O PP tamén critica modificacións introducidas en proxectos que foran aprobados por anteriores corporacións e considera “innecesarios” certos gastos, como os novos aparcadoiros na intersección entre Illanova e a Avenida de Sarria. “Son actuacións sen sentido, feitas de costas á cidadanía e sen planificación”, engadiu o voceiro.

Outro dos puntos máis cuestionados polos populares é a remodelación da Avenida da Mariña. “Destruíron unha das zonas máis humanas de Foz. Quitaron árbores para pintar pasos de peóns xusto enfronte e colocaron morróns que reducen o espazo para os peóns e devolven o protagonismo ao tráfico rodado”, afirmou Castiñeira.

Mentres tanto, subliñan desde o PP, outras rúas da vila seguen en estado de abandono, con fochancas cada vez máis perigosas e pasos de peóns case invisibles. Mencionan, como exemplo, o paso diante do edificio de Telefónica, ao carón do colexio público Nº1, “un punto crítico que supón un risco evidente para a seguridade viaria”.

O Partido Popular tamén denuncia a “nula disposición ao diálogo” do alcalde. “Non escoita ás asociacións, nin aos comerciantes, nin á oposición. Actúa como se Foz fose súa e está hipotecando a mobilidade e a habitabilidade do centro urbano por décadas”, criticou o exalcalde.

“Se hai un título que define a súa política é este: Cajoto, o deshumanizador do centro de Foz”, concluíu Castiñeira, que reclama unha rectificación urxente e un modelo urbano centrado nas persoas e non no formigón.

⚙ Configurar cookies
0.15717697143555