O PP acusa á alcaldesa de Burela de subir impostos e incumprir a normativa municipal

O portavoz do Partido Popular de Burela, Manuel Rouco, cargou duramente contra a alcaldesa Carmela López, á que acusa de protagonizar “un mandato marcado pola suba constante de impostos e o reiterado incumprimento de ordenanzas e leis vixentes”. Segundo Rouco, esta forma de gobernar “sen precedentes no noso concello” demostra unha “mala xestión continuada” que estaría a afectar negativamente á veciñanza.
Nun comunicado difundido tras o último pleno municipal, o líder do PP local asegurou que “estes si son méritos da señora López, e non outros dos que pretende apropiarse sen ter responsabilidade real”. Referíase así á recente visita da Casa Real a Burela, que cualificou de “histórica” pero que, segundo el, “foi iniciativa da propia Casa Real e non unha xestión do executivo local, malia o que pretende facer crer a rexedora”.
Rouco lembrou tamén que a visita coincidiu cun tráxico accidente durante as festas patronais que “sumiu á vila nun fondo pesar”, e engadiu que “despois dese momento tan emotivo, volvemos á dura realidade cotiá da política municipal, na que os veciños están a pagar cada vez máis por servizos esenciais”.
O portavoz popular denunciou un incremento impositivo “insostible”, como o aumento do 19% nun só ano na taxa da auga e tamén na do sumidoiro. “Advertímolo xa no 2023: este goberno está a afogar economicamente aos seus cidadáns cunha suba continua de impostos”, sinalou.
Outro punto central das críticas é o incumprimento da regra de gasto, que segundo Rouco foi superada en dous millóns de euros. “E non hai grandes obras nas que se poida comprobar en que se investiu ese diñeiro que supera o permitido por lei”, asegurou. O PP preguntou no pleno onde foron parar eses fondos, pero non obtivo resposta por parte do goberno local.
Tamén censurou que a propia Carmela López, responsable da área económica na Deputación de Lugo, “descoñeza ou ignore sistematicamente as normas económicas que tamén rexen para Burela”. “É inadmisible que o Concello incumprira os seus compromisos mentres carecemos de explicacións ou proxectos concretos que xustifiquen ese gasto excesivo”, engadiu.
Finalmente, Rouco criticou que “nin sequera se cumpren as ordenanzas que ela mesma aproba, nun exemplo claro do desleixo institucional co que está a funcionar este goberno municipal”.