A Xunta incluirá terreos do Porto de Foz para ser declarados innecesarios
O presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, respondeu a unha pregunta parlamentaria na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo en relación á previsión de reversións de terreos que non rexistran actividade portuaria ao Estado para a posible transferencia posterior aos Concellos. Ao respecto, asegurou que a Xunta de Galicia incluirá terreos do porto de Foz que se declaren innecesarios na primeira fase da tramitación destas reversións.
En relación a este procedemento o presidente de Portos trasladou que o Goberno galego está a avanzar no proceso de desafectación dos terreos portuarios que se declaren innecesarios para a actividade portuaria e precisamente para maior axilidade vense de establecer unha tramitación por fases (por lotes de portos), dado que se trata dun procedemento complexo e longo que incumbe a varias administracións e que de feito conclúe coa aprobación por parte do Goberno de España en Consello de Ministros. Os terreos que serán declarados innecesarios estanse a consensuar cos propios concellos, unha tarefa na que se traballa desde hai varios meses.
De feito, esta prevista unha reunión entre o Conselleiro do Mar e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias para finais deste mes co obxecto de abordar esta cuestión.
Pola súa parte, os orzamentos da Xunta de Galicia prevén un investimento pluarianual de 4,5 millóns para a remodelación das instalacións portuarias focense co obxectivo de potenciar a actividade portuaria. A primeira fase deste proxecto contempla unha dragaxe da dársena que se atopa en tramitación ambiental á espera de que o Ministerio de Transición Ecolóxica emita os informes favorables. En concreto trátase dos informes de avaliación ambiental e de compatibilidade coas estratexias mariñas, que foron solicitados o 10 de novembro do pasado ano. Este investimento determina o posicionamento de Portos de Galicia respecto aos terreos que poderán ser declarados innecesarios.
Álvarez Vidal explicou que mentres se tramitan as reversións: “Portos de Galicia aplica sobre estes terreos estrita e unicamente as taxas que se establecen por lei polo que non teñen cabida chamamentos a incumprir as obrigas fiscais”. A este respecto subliñou que Portos de Galicia facturou o pasado ano 2023 un total de 71.000 euros ao Concello de Foz por actividades como o mercado dos martes ou as festas, “polas que a propia Administración cobra á súa vez a vendedores e feirantes” que se instalan no terreo portuario. Á súa vez, outras infraestruturas de uso veciñal que tamén se atopan instaladas en solo de Portos de Galicia están exentas de taxas como é o caso da estación depuradora de augas residuais, o parque infantil ou os departamentos de Protección Civil.
A PREOCUPACIÓN DE LARA MÉNDEZ
A viceportavoz do Grupo Socialista, Lara Méndez, trasladou a súa “fonda preocupación” polo desleixo do goberno galego logo de que o presidente de Portos recoñecera no Parlamento que teñen “paralizada” a cesión dos terreos que manteñen no Concello de Foz pero que xa non rexistran ningún uso portuario. Méndez presentou unha pregunta oral na Comisión de Pesca para reclamarlle ao ente que axilice esta medida.
A responsable socialista afeoulle ao responsable de Portos que emprace a decisión a unha suposta reunión do conselleiro de Pesca co presidente da Fegamp para finais deste mesmo mes, pero da que “non temos nin data nin obxectivo”. Lembroulle que a decisión de ceder aos concellos os terreos de Portos que xa non teñen uso portuario foi asinada coa propia Fegamp en setembro de 2021, e o ente marcaba o 15 de outubro como data para que os concellos tramitaran as solicitudes.
Lembrou que o Concello de Foz cumpriu co prazo marcado dende Portos, pero ata día de hoxe seguen sen tomar ningunha medida no sentido de iniciar os procesos de desafectación, e lembroulle que os compromisos teñen que manterse “por moito que cambien de conselleiros e de presidente de Portos”.