O porto de Ribadeo retoma o tráfico de area de mina

AMariñaXa
O porto de Ribadeo retoma o tráfico de area de mina que supón ata 50.000 toneladas máis de actividade ao ano
porto ribadeo
15 Ago 2022

O porto comercial de Mirasol, en Ribadeo, vén de recibir a chegada do buque Angon que prevé cargar nos vindeiros días 4.500 toneladas de area de mina con destino ao porto de Castellón. Deste xeito, o peirao ribadense recupera o tráfico de area de mina, unha mercadoría que non se movía en Mirasol desde o ano 2018.

A recuperación desta actividade supón un incremento aproximado de entre 40 e 50.000 toneladas de mercadorías ao ano para o porto de Ribadeo, que moveu ao longo de 2021 un total de 483.000 toneladas, fundamentalmente de pasta de papel. O tráfico de area de mina prevese ademais estable no medio prazo dado que a empresa propietaria da mercadoría está a tramitar actualmente a adquisición da titularidade da concesión doutra operadora do porto. 

O porto de Mirasol é un dos que maior tráfico de mercadorías rexistra cada ano no sistema portuario autonómico, xunto con Cariño, Brens e Viveiro-Celeiro. Desde a Consellería do Mar trabállase para impulsar a súa actividade a través da mellora das infraestruturas e, nos últimos meses, ten destinado un investimento total de 550.000 euros ao porto ribadense, entre actuacións xa executadas e outras comprometidas en proceso xa de licitación.

Entre as actuacións xa executadas destacan a dragaxe da canle de acceso a Mirasol e o peirao deportivo, por importe de 200.000 euros así como a eliminación da escaleira de fábrica no espigón norte para a ampliación e mellora da atracada e instalación de defensas no peirao pesqueiro, cun importe de 50.000 euros. Ademais, tamén se actualizou o sistema de pesaxe da báscula do peirao comercial a través dun investimento de 15.000 euros. 

A DRAGAXE EN EXPOSICIÓN PÚBLICA

Xunto aos proxectos citados, a Xunta vén de sacar a exposición pública a dragaxe plurianual do porto de Mirasol, unha das actuacións de maior envergadura das que tramita Portos de Galicia, que prevé unha actuación inicial de dragaxe e 3 máis de mantemento en anos posteriores. Esta mellora conta cun importe de 3,8 millóns de euros.

0.11974191665649