O porto de Celeiro acollerá en novembro a XXIX edición das Xornadas Técnicas de Difusión do Sector Pesqueiro

AMariñaXa
O encontro, coñecido como a “Universidade do Mar”, reunirá do 27 ao 29 de novembro a expertos nacionais e europeos para debater sobre os desafíos e o futuro da pesca
Xornadas-de-Pesca-de-Celeiro
25 Oct 2025

O porto de Celeiro converterase un ano máis no punto de encontro do pensamento pesqueiro nacional coa celebración da XXIX edición das Xornadas Técnicas de Difusión do Sector Pesqueiro, que terán lugar do 27 ao 29 de novembro.

Este evento, xa consolidado como o principal foro español dedicado á análise, debate e planificación do presente e futuro da actividade pesqueira, volverá reunir a profesionais, investigadores e representantes institucionais baixo o lema “Pensar a pesca, construír o futuro”.

Popularmente coñecidas como a “Universidade do Mar”, as xornadas transforman o porto lucense no epicentro da reflexión pesqueira estatal. Cun programa amplo, enfoque multidisciplinar e un elenco de relatoras e relatores de primeiro nivel, Celeiro volverá ser o escenario onde se expoñen ideas, se comparten experiencias e se debuxan as estratexias para garantir un futuro sostible para o sector.

A organización corre a cargo da OPP-77 Puerto de Celeiro, coa colaboración e cofinanciación da Xunta de Galicia e da Comisión Europea (FEMPA), e coa coordinación da Confraría de Pescadores. O evento desenvolverase en formato híbrido —presencial e en liña—, co obxectivo de facilitar a participación de profesionais, técnicos e representantes institucionais de todo o país e doutros puntos de Europa. Ademais, a asistencia será completamente gratuíta e aberta ao público.

A inauguración estará presidida pola secretaria xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Isabel Artime, quen xa participou noutras edicións como relatora, fortalecendo así o seu vínculo con este foro. Pola súa banda, a conselleira do Mar da Xunta de Galicia, Marta Villaverde Acuña, será a encargada de clausurar esta edición, despois de intervir tamén como conferenciante na anterior.

As xornadas de 2025 contarán cun total de 23 especialistas, dos cales 17 participan por primeira vez, o que amosa o espírito dinámico e renovador do encontro. Nesta edición, o lema será “Un mar vivo e unha pesca con futuro”, e o programa abordará os grandes retos do sector dende múltiples perspectivas: a política pesqueira común e a súa gobernanza, a sustentabilidade e conservación mariña, a innovación tecnolóxica e a dixitalización das frotas, a economía azul e a trazabilidade, a compatibilidade entre a enerxía eólica mariña e a actividade pesqueira, o relevo xeracional, a formación e seguridade laboral, así como cuestións de TACs, cotas e financiamento.

O secretario da Confraría de Pescadores de Celeiro, Máximo Díaz Méndez, destacou que estas xornadas representan “unha oportunidade única para que o sector pesqueiro galego e estatal se reencontre, reflexione e trace estratexias comúns que permitan afrontar os retos actuais e futuros”. Engadiu que “a colaboración multidisciplinar e o compromiso coa sustentabilidade son claves para garantir un mar vivo e unha pesca con futuro”.

Homenaxe ao profesor Fernando González Laxe

No marco desta edición das Xornadas de Pesca, as organizacións representativas do sector pesqueiro de Celeiro renderán unha merecida homenaxe ao catedrático emérito da Universidade da Coruña, Fernando González Laxe. Este recoñecemento xorde do profundo respecto e admiración que o sector pesqueiro de Celeiro sente por unha figura clave na modernización da política pesqueira española.

González Laxe destacou pola súa vocación de servizo público, o seu firme compromiso co sector pesqueiro galego e nacional, e por ser un referente académico no ámbito da economía marítima e pesqueira. A súa traxectoria deixou unha pegada fonda na xestión e no desenvolvemento sustentable dos recursos mariños, converténdose nun alicerce fundamental para a evolución do sector.

Esta homenaxe simboliza o agradecemento de todo o sector pola súa incansable labor, a súa visión estratéxica e a defensa dos intereses pesqueiros nos eidos académico, político e social. Como curiosidade, cómpre lembrar que o catedrático González Laxe foi quen bautizou as Xornadas de Pesca de Celeiro como “a Universidade do Mar”, alcume que o simposio leva con orgullo.

⚙ Configurar cookies
0.070518970489502