O portavoz do PP en Barreiros, José Manuel Gómez Puente, será o candidato á Alcaldía

AMariñaXa
O portavoz do PP en Barreiros, José Manuel Gómez Puente, será o candidato popular á alcaldía deste municipio nas próximas eleccións locais,
29 Jan 2023

O portavoz do PP en Barreiros, José Manuel Gómez Puente, será o candidato popular á alcaldía deste municipio nas próximas eleccións locais, segundo se deu a coñecer no transcurso dun acto celebrado no restaurante La Yenka, ao que asistiu o coordinador do PP lucense, o mariñán José Manuel Balseiro; o deputado mariñán no Congreso Jaime De Olano; deputados do Grupo Provincial; alcaldes, portavoces e representantes do PP dos concellos da comarca, afiliados e veciños, entre outros.

Gómez Puente asume este reto “con moita ilusión, con moita responsabilidade e con moita humildade”, e o desexo de devolver Barreiros á senda dos avances conseguidos durante os anos en que gobernou o Partido Popular. “Escoita activa e vontade de dar participación” son dous dos principios que rexerán o traballo de Gómez Puente.

O candidato popular á alcaldía de Barreiros marca dende o principio liñas que o separan radicalmente do que foi o modo de proceder do goberno local nacionalista durante o actual mandato. Sinala: “Por un lado, quero acabar co sectarismo aplicado dende o Concello nestes últimos catro anos, quero poñer fin a ese modo de actuar con respecto aos veciños baseado na cor política”. Engade: “E quero cambiar tamén a maneira de xestionar, para pasar do modelo de parálise e ineficacia do goberno actual, ao modelo do PP, ao modelo que tan bo resultado lle deu a Barreiros durante anos, que é o modelo da eficacia”.

Gómez Puente sinala que o Concello de Barreiros ten que ampliar os servizos sociais que se ofrecen aos veciños, que son -di- practicamente os mesmos que deixou en marcha o PP.

O candidato tamén destaca que “Barreiros ten no turismo unha fonte primordial de xeración de riqueza e nestes catro últimos anos nada se fixo para favorecelo, senón todo o contrario”. Cita así a falta de socorristas, o feito de que está pechada a praia de San Bartolo, e que na de Altar o paseo está en moi malas condicións. “Hai que traballar con eficacia, cos propios recursos e buscando noutras administracións, para crear as condicións que favorezan que Barreiros sexa cada ano máis atractivo para o turismo”. Di que é hora de conseguir que os principais accesos ás praias conten con beirarrúas o, noutro caso, con sendas peonís.

En materia de infraestruturas, Gómez Puente considera que é fundamental conseguir a depuradora de San Miguel, porque, entre outras cousas, sen ela a praia de Arealonga seguirá estando pechada ao baño nunha parte.

Dende a dirección provincial do PP, o coordinador xeral e portavoz, José Manuel Balseiro, sinala: “O Partido Popular quere recuperar a alcaldía de Barreiros, un municipio no que gobernou moito tempo e no que o actual goberno non chegou a coallar”. Dende a dirección provincial popular sinálase que “nestes catro anos houbo unha falta de xestión total e absoluta; cambiouse a xestión pola política de pancarta”. Os responsables provinciais do PP din que “agora os veciños teñen a oportunidade de comparar que se fixo nestes catro anos, que é nada, co que se fixo durante os anos que gobernou o PP”. Nesta liña resaltan que “todas as obras importantes en Barreiros fíxoas o Partido Popular, ben directamente dende o Concello ben dende a Xunta de Galicia”.

A dirección provincial do PP resume así a xestión do actual goberno de Barreiros: “Non foi nin capaz de manter o que lle deixaron feito”.

0.094884872436523