O Porta da Auga de Ribadeo oferta un curso de fabricación e mantemento de embarcacións de fibra

AMariñaXa
O Porta da Auga, de Ribadeo, oferta por primeira vez un curso sobre fabricación e mantemento de embarcacións de fibra
CIFP Porta da Auga ribadeo 1
27 Xuño 2021

O Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Porta da Auga, de Ribadeo, oferta por primeira vez un curso sobre fabricación e mantemento de embarcacións de fibra. O alumnado fará as prácticas nas instalacións da firma Astilleros del Eo, no municipio asturiano de Castropol. 

O director do CIFP Porta da Auga, Isidro Berdeal, explica que “froito dun convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, da Xunta de Galicia, e a empresa Astilleros Gondan S.A., nace o curso de formación específica para futuros traballadores de Astilleros del Eo, especializado na fabricación de embarcacións de fibra. Dito curso será moi específico e permitirá ao alumnado adquirir unha serie de competencias en procesos de fabricación e mantemento deste tipo de embarcacións”.

Isidro Berdeal destaca que “o período de formación será de setembro de 2021 a febreiro de 2022, cun total de 632 horas, nas que o alumnado participante, unha vez adquiridas ditas competencias, realizará un período de prácticas nas instalacións do propio estaleiro, abrindo así a posibilidade de pasar a formar parte da plantilla de traballadores de Astilleros del Eo. Con esta formación o alumnado obterá competencias en pintura, reparación e construción de elementos de plástico reforzado con fibra en embarcacións deportivas e de recreo, en particular en procesos de fabricación e mantemento de compoñentes de plástico reforzado con fibra”.

Os tres niveis da FP

Ademais a oferta educativa do CIFP Porta da Auga, de Ribadeo, para o vindeiro curso 2021-2022 inclúe os tres niveis da Formación Profesional cos seguintes ciclos formativos: en FP Básica haberá de Servizos Administrativos e de Mantemento de Vehículos; en canto a ciclos formativos de grao medio terá dous de Xestión Administrativa -un deles modular a distancia-, de Obras de Interior, Decoración e Rehabilitación (modular - presencial), de Instalacións Eléctricas e Automáticas, de Atención a Persoas en Situación de Dependencia e de Electromecánica de vehículos automóbiles; e os ciclos formativos de grao superior serán de Administración e Finanzas, de Sistemas Electrotécnicos e Automatizados (modular - presencial), de Educación Infantil e de Automoción.

O prazo de admisión de alumnado está aberto ata o 5 de xullo ás 13 horas.

CIFP Porta da Auga ribadeo
0.083976984024048