O Porriño e Ribadeo selan un irmandamento en lembranza do filántropo Ramón González

AMariñaXa
As dúas vilas galegas honran a figura do benfeitor cun acto institucional que reforza os lazos históricos e culturais que as unen
Ribadeo-acto-no-Porrino-irmandamento-2025
25 Jun 2025

O Concello do Porriño acolleu este mes un emotivo acto institucional no que se formalizou o irmandamento entre O Porriño e Ribadeo, dous municipios unidos pola memoria de Ramón González (1856–1925), filántropo galego cuxa obra deixou unha fonda pegada social e patrimonial en ambas localidades.

A xornada comezou cunha recepción oficial na Casa Consistorial, onde as autoridades, caracterizadas de indianos, foron recibidas ao son do Himno Galego. O acto estivo cargado de simbolismo e sentimento, e contou coa participación dos alcaldes Alejandro Lorenzo (O Porriño) e Daniel Vega (Ribadeo), así como das concelleiras Vanessa Ucha (Turismo) e Begoña Sanjurjo (Cultura), ademais de descendentes de Ramón González, que emocionaron aos asistentes coas súas lembranzas.

O alcalde ribadense, Daniel Vega, puxo en valor o legado de Ramón e da súa esposa Corona González, destacando que “hoxe non habería tantas cousas en Ribadeo senón fose pola filantropía que practicaban”. Citou como exemplo a Praza de Abastos e insistiu en que “este irmandamento é un compromiso coa memoria e cos valores que nos unen”. Vega tamén agradeceu a presenza dos familiares do matrimonio e recoñeceu o traballo de Ernesto Cruzado e Roberto Rodríguez, veciños de Ribadeo, pola súa implicación na organización desta homenaxe.

Pola súa parte, a concelleira ribadense de Cultura, Begoña Sanjurjo, fixo un repaso pola traxectoria do matrimonio, sinalando que “o seu interese por apoiar calquera proxecto cultural e o seu compromiso co desenvolvemento das súas vilas fan deles figuras que merecen ser recoñecidas”. Precisamente, este 2025 o X Ribadeo Indiano, que se celebrará do 11 ao 13 de xullo, estará dedicado a Ramón González, e será tamén en Ribadeo onde, no mes de decembro, se leven a cabo os actos do centenario do seu pasamento.

Este irmandamento institucional entre O Porriño e Ribadeo serve para poñer en valor a historia compartida, pero tamén para trazar novos camiños de colaboración cultural e afectiva. Un vínculo que, sen dúbida, honraría a memoria de Ramón e dona Corona.

⚙ Configurar cookies
0.19683313369751