O Pleno ribadense pide que non se supriman os ensinos secundarios de adultos na vila

AMariñaXa
O Concello acordou no pleno ordinario celebrado onte solicitarlle á Xunta a incorporación do conxunto histórico de Ribadeo ao plan Rexurbe
6 Out 2021

O Concello acordou no pleno ordinario celebrado onte solicitarlle á Xunta a incorporación do conxunto histórico de Ribadeo ao plan Rexurbe e que non suprima nin total nin parcialmente os ensinos secundarios de adultos na vila. Ademais foi aprobada unha moción de apoio aos traballadores de Vestas. 

Así, solicitaron á Xunta a incorporación do conxunto histórico ao plan Rexurbe, no que pretenden facer aínda máis actuacións en puntos degradados e que precisan non só unha acción dos particulares propietarios senón das administracións como pode ser a Xunta máis o Concello.

Tamén abrirán un novo prazo para pedir axudas para a rehabilitación dos cascos vellos de Ribadeo e de Rinlo, e seguindo en Rinlo aprobarons tamén iniciar os trámites de expropiación dun terreo que xa se contemplaba no vixente plan xeral de urbanismo para ser convertido en aparcamento público.

Por outra banda, acordaron demandarlle á Xunta de Galicia que non suprima nin total nin parcialmente as ensinanzas secundarias de adultos en Ribadeo, aínda que a Consellería de Educación botouse atrás e segundo o Concello cren que o que "pretende é deixar de ofertar o módulo 3, equivalente a terceiro da ESO, e só ofertar o módulo 4".

Así mesmo aprobaron unha moción de apoio aos traballadores de Vestas en Viveiro con chamada de atención aos gobernos da Xunta e máis do Estado para que se apliquen a fondo nas súas competencias, para evitar que empresas que dan beneficios en sectores punteiros poidan alegremente pechar e deixar a centos de familias tiradas. 

Finalmente trataron unha moción do PP sobre o lobo  e tamén aprobaron unha moción do BNG para demandar do Estado que non se establezan peaxes futuras polas autovías xa existentes como polas longamente demandadas. Parece ser que esta é unha proposta que o goberno actual do Estado lle comunicou á Unión Europea, pero tristemente tamén estaba na axenda política do goberno do señor Rajoy aínda que non lle deu tempo a implementala. 

0.20315003395081