O pleno do Valadouro aproba por unanimidade varias mocións sobre estradas e actividade forestal

O pleno do Concello do Valadouro aprobou por unanimidade varias mocións relacionadas co estado das infraestruturas viarias e coa regulación de determinadas actividades económicas no municipio. As iniciativas foron presentadas polos distintos grupos municipais e recibiron o respaldo de toda a corporación.
Entre os asuntos abordados destacou a moción presentada polo grupo municipal socialista relativa á situación da estrada autonómica LU-161, que conecta Viveiro con Mondoñedo e atravesa varias parroquias do Valadouro. Na proposta advertíase do deterioro que presenta actualmente esta vía, con fochancas no firme, ausencia de sinalización horizontal en distintos tramos e cunetas en mal estado ou ocupadas por restos forestais.
Segundo expuxo o grupo socialista, esta estrada constitúe unha conexión importante tanto para os veciños da zona como para a comunicación coa comarca e co resto da provincia. Por este motivo, a moción aprobada insta á Xunta de Galicia, a través da consellería competente en materia de infraestruturas, a levar a cabo actuacións de arranxo e mellora, así como tarefas de mantemento das cunetas e dos sistemas de drenaxe.
No mesmo pleno tamén foi aprobada por unanimidade unha moción presentada polo Partido Popular na que se solicita á Deputación Provincial a reparación da estrada LU-P-6305, debido ao estado de deterioro que presenta e á importancia desta vía para os veciños da parroquia do Cadramón.
Ademais, durante a sesión tamén se trasladou ao pleno información sobre a situación dun derrubamento producido na estrada LU-P-0101. Segundo se indicou, desde o primeiro momento mantivéronse contactos coa administración provincial para coñecer as actuacións previstas e reclamar unha intervención urxente. O arranxo consistirá na construción dunha escollera para estabilizar a zona afectada, unha obra que xa conta con partida orzamentaria e que se executará cando as condicións meteorolóxicas permitan iniciar os traballos con seguridade.
Por outra banda, o pleno tamén aprobou unha moción do BNG relacionada coa modificación da ordenanza municipal sobre actividades extractivas de madeira. A proposta contempla a introdución dun sistema de fianzas para as empresas que realicen este tipo de traballos, co obxectivo de garantir a reparación de posibles danos nas vías públicas.
Desde o grupo municipal socialista sinalaron que recoñecen a importancia da industria forestal na economía dos concellos da zona, pero subliñaron tamén a necesidade de protexer as infraestruturas públicas. Neste sentido, consideran que o sistema de fianzas pode servir como garantía para asegurar que, no caso de producirse danos nas estradas ou camiños, estes poidan ser reparados sen que recaia o custo sobre os recursos públicos.
Ao mesmo tempo, indicaron que esta medida deberá ir acompañada dunha xestión municipal eficaz á hora de controlar as actuacións das empresas, supervisar o estado das vías e tramitar a devolución das fianzas cando non se produzan danos.