O pleno do Concello de Barreiros oponse á subida do canon de Sogama
O pleno municipal de Barreiros debateu dúas mocións promovidas polo PSdG-PSOE e o BNG para rexeitar a suba do canon
de SOGAMA que os concellos terán que asumir no ano 2025. O Partido Popular votou en contra de ambas. A alcaldesa, Ana Ermida, explicou que a realidade é que “con motivo dunha mala xestión da Sociedade Pública SOGAMA, participada maioritariamente pola Xunta de Galicia, os Concellos ven como desde o ano 2023 ao ano 2025 o recibo do tratamento de lixo se incrementa practicamente nun 100 %".
No caso de Barreiros, explicou, “o Concello pasará de pagar no 2023, 56 euros por tonelada (xa que se beneficiaba dunha bonificación sobre o prezo de 68 euros establecido pola entidade) a pagar no 2025, no mellor dos escenarios, 95 euros por tonelada, cun prezo establecido de 108 euros por tonelada.” Ana Ermida fixo fincapé en que o problema de fondo é que o tratamento do lixo neste País responde a un modelo de negocio e obsoleto, no que se prima a incineración, porque con ela obtense enerxía que se vende no mercado, tendo en conta a participación dunha empresa eléctrica na propia SOGAMA.
“Por iso, cando a sociedade daba beneficios non se fixeron esforzos por mellorar ou actualizar o modelo cara a unhas directrices que levan anos emitíndose a nivel europeo”, asegurou, facendo referencia a unha directiva europea do 2008. “É un problema de xestión: pola mala xestión de SOGAMA, participada nun 51 % pola Xunta, agora pagamos os pratos rotos
os Concellos e, con eles, a veciñanza que, por lei, ten que ver repercutida esta suba nos recibos”, aseverou a alcaldesa. A alcaldesa manifestou tamén a decepción polo posicionamento do Partido Popular, que segue o argumentario que lle facilitan desde o seu partido en lugar de poñer por diante os intereses da veciñanza; sinalando a hipocresía de “anunciar e executar baixadas de impostos ás rendas máis altas, como o imposto sobre o patrimonio, mentres obrigan aos Concellos a subir taxas que afectan a todo o mundo por igual.”
No debate, a alcaldesa lembrou que o ingreso que se anunciou por parte da Xunta para o 2025 tomará como referencia a poboación, co que iso implica de disfuncionalidade en Concellos coma Barreiros, nos que a poboación de feito e de dereito difiren substancialmente. Ana Ermida, fixo tamén un repaso das actuacións levadas a cabo na FEGAMP
(Federación Galega de Municipios e Provincias), de cuxa executiva forma parte, que xa se ten manifestado contraria de xeito unánime á suba do canon aprobada no seu momento para o 2024 e que traballa sobre esta información para o 2025 que, a efectos prácticos, vén a agravar aínda máis a situación financeira dos municipios.