O Pleno de Viveiro aproba varias modificacións de ordenanzas e acordos por unanimidade

AMariñaXa
O goberno local destaca o consenso en asuntos de interese común, mentres continúa o traballo na nova ordenanza de terrazas
casa-do-concello-de-viveiro
7 Nov 2025

O Concello de Viveiro celebrou o pleno ordinario correspondente ao mes de novembro, no que se abordaron diversos asuntos relacionados coa xestión municipal. A sesión desenvolveuse con normalidade e cun amplo consenso entre os grupos, segundo destacou a alcaldesa, Mariña Gueimunde, quen puxo en valor “o clima de colaboración en temas de interese común para o municipio”.

Na parte resolutiva, os catro primeiros puntos da orde do día foron aprobados por unanimidade. Entre eles figuraban a acta da sesión anterior, varios expedientes de cambio de titularidade e renovación de concesións no cemiterio municipal, así como a corrección dun erro nun título de concesión. Tamén se deu luz verde á modificación da ordenanza fiscal número 16, que regula a taxa por entrada de vehículos a través das beirarrúas e as reservas da vía pública para aparcamento exclusivo ou para a carga e descarga de mercadorías, unha medida que entrará en vigor en 2026.

En canto á modificación da ordenanza fiscal número 13, referida á ocupación de espazos públicos con mesas e cadeiras —a coñecida como ordenanza de terrazas—, o Pleno decidiu deixar o punto sobre a mesa co obxectivo de continuar traballando na súa redacción antes da aprobación definitiva. Pola súa parte, a modificación da ordenanza non fiscal sobre os servizos de abastecemento domiciliario de auga potable, sumidoiro e depuración de augas residuais foi aprobada por maioría.

Na parte declarativa, o Pleno deu o visto bo a dúas mocións presentadas polos grupos municipais. A primeira insta a Portos de Galicia a continuar coas obras de mellora na fachada marítima de Celeiro, mentres que a segunda reclama á Xunta de Galicia que inclúa nos seus orzamentos as partidas necesarias para retomar a construción da Vía de Alta Capacidade Costa Norte.

A rexedora vivairense subliñou que o pleno de novembro “permitiu avanzar en cuestións importantes para o funcionamento do concello e para o benestar da veciñanza”.

⚙ Configurar cookies
0.069158792495728