O Pleno de Ribadeo tratará sobre o Plan Rexurbe e a ensinanza no IES Dionisio Gamallo
A solicitude de incorporación do conxunto histórico de Ribadeo ao Plan Rexurbe, a esixencia á Consellería de Educación para que manteña os módulos que viña ofertando de ensinanzas de Educación Secundaria para adultos no IES Dionisio Gamallo ou o apoio do Concello de Ribadeo ao cadro de persoal de Vestas son algúns dos asuntos do pleno ordinario convocado para o vindeiro martes, 5 de outubro, ás 20 horas.
Así, solicitarán á Xunta a incorporación do conxunto histórico de Ribadeo no chamado Plan Rexurbe para que poida haber máis e mellores axudas á rehabilitación de edificios. Ademais, plantéxanse ámbitos de acción conxunta entre a Xunta e o Concello para impulsar a reforma e rehabilitación de espazos que levan tempo degradados, como o barrio de Cabanela, ou tamén actuacións en zonas verdes da Virxe do Camiño e a capela anexa, na estrada do faro ou mesmo actuacións en edificios públicos coma o xulgado de paz vello, o Cine Teatro ou o forte de San Damián.
Tamén levarán unha proposta de nova convocatoria de axudas dos vixentes convenios das Areas de Rehabilitación dos núcleos tradicionais de Ribadeo e Rinlo, xa que a día de hoxe aínda non están comprometidos todos os fondos públicos dispoñibles.
Por outra banda pedirán ao Pleno que se dirixa á Consellaría de Educación da Xunta para que recúe na súa idea de eliminar a oferta de ensinanzas de Educación Secundaria para persoas adultas que se veñen impartindo desde hai moitos anos no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo.
Así mesmo, falarán e apoiarán ao cadro de persoal da empresa Vestas de Viveiro, ao igual que o resto de Concellos.