O pleno de Ribadeo estuda construír un novo centro de saúde e aparcadoiros exprés nas farmacias

AMariñaXa
No pleno ordinario da corporación municipal ribadense que se vai celebrar este martes, someterase a aprobación unha modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para a construción do novo centro de saúde.
14 Maio 2024

No pleno ordinario da corporación municipal ribadense que se vai celebrar este martes, someterase a aprobación unha modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) para a construción do novo centro de saúde. Outros dos asuntos que se abordarán serán a modificación das taxas da Escola Municipal de Música e a creación de aparcadoiros exprés a carón das farmacias da vila.

“Esta tarde noite vamos celebrar un pleno municipal, no que abordaremos varias cuestións. A primeira delas vai ser a modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal para cambiar a tipificación do solo; hai que facer esa modificación provisional, enviar a documentación á Xunta, que nos responderá, haberá uns días de exposición pública e despois a aprobación definitiva para poder construír o centro de saúde que queremos todos”, explica o alcalde, Dani Vega.

Ademais, nestes días estase a falar da pediatría. “Consideramos que a Consellería de Sanidade ten que dar unha resposta moi concreta, que é cubrir a praza de pediatría”. Esixen que se cubra o servizo. “Non pode ser que Ribadeo estea a expensas dunhas baixas e de vacacións e se reduzan eses días de servizo de pediatría. Polo tanto se temos unha pediatra temos que ter o servizo todos os días. E isto é o que dicíamos hai días. Polo tanto a reivindicación segue e non vou parar ata que teñamos o servizo de pediatría todos os días. Iso é importante”.

Outra das cuestións fundamentais é un novo centro de saúde. “É bo ter un novo centro de saúde para contar con todos os servizos sanitarios nun PAC e polo tanto vai haber servizo do centro de saúde, o PAC, urxencias o 061 e unha zona de aparcamento. E tamén é importante pensar que os centros de saúde hai que telos próximos ás vías de comunicación, para comunicar rapidamente coa autovía e así chegar ao Hospital da Mariña”.

O alcalde tamén anuncia que se van modificar as taxas da Escola Municipal de Música: “Unhas van baixar e outras vanse igualar, que é o que se nos pedía por parte da Escola de Música, dar unha resposta rápida antes das inscricións e das solicitudes para o novo curso”. Por outra parte van dotar de aparcadoiros exprés diante das farmacias para poder aparcar, recoller o medicamento e seguir. Ademais, o rexedor municipal contou que nesta sesión tratarase “a aprobación plenaria por parte de todos os grupos da bandeira azul e do escudo. Ribadeo necesitaba unha bandeira, pero a raíz de solicitala a Xunta de Galicia comunicounos que Ribadeo non tiña un escudo aprobado oficialmente”.

0.17701196670532