O Pleno de Ribadeo aprobou unha suba para o prezo público do Hospital Asilo

AMariñaXa
O Pleno de Ribadeo aprobou unha suba para o prezo público do hospital asilo e un incremento da subvención destinada á campaña das panchas
concello de Ribadeo vista 2
1 Xuño 2022

No pleno ordinario celebrado onte no Concello de Ribadeo acordouse dar o apoio ao nomeamento de Francisco Fernández del Riego como homenaxeado nas Letras Galegas para o 2023, foi aprobado un expediente de suplemento de crédito a cargo do remanente de tesourería para atender diferentes gastos e un incremento do 6,8% para o prezo público do Hospital Asilo, que segue a ser un dos máis baixos de toda a contorna e incluso de Galicia. Os concelleiros de Economía e Servizos Sociais, Pablo Vizoso e Mónica Freire, criticaron a actitude mantida polos populares durante a sesión. 

O edil ribadense contou que “onte celebramos o pleno ordinario no Concello e demos debate e aprobación a diferentes asuntos de importancia para Ribadeo aínda que tamén puidemos asistir, unha vez máis, a unha sesión na que o portavoz do Partido Popular amosou unha actitude para nada construtiva, chea de demagoxia, sobre actuación e incluso de descualificación persoal de varios membros da Corporación, unha liña que nunca se debería de sobrepasar”.

Vizoso Galdo relatou que “un asunto consistía na modificación da ordenanza que regula a taxa pola expedición de documentos para adaptar a convocatoria de exames e probas, outros consistían en dacións de conta, por exemplo, sobre o acordo coa estratexia alimentaria participativa Eo Alimenta xuntos con outros municipios da nosa contorna. Outro dos puntos tratou sobre a modificación do plan estratéxico de subvencións, un trámite ao que hai que dar cumprimento informando da subvención dirixida ás empresas para a contratación de persoal alumnado do obradoiro dual Prepara o teu Camiño por importe de 30.000 euros e do incremento da subvención para a campaña das Panchas noutros 50.000 euros coa finalidade de promocionar a economía local e xerar un efecto multiplicador nas ventas dos comercios e da hostalaría. Neste punto foi preciso lembrarlle ao grupo popular os grandes beneficios que supón esta campaña para a actividade comercial en Ribadeo, cunha promoción e cunha achega pública por parte do Concello nestes dous anos sen precedentes noutras edicións pasadas, nin comparable coa de outras administracións”.     

Para o concelleiro de Economía “no debate deste asunto púidose observar cómo o Partido Popular prefería falar sobre a recente controversia promovida sobre efecto das Panchas na declaración da renda baseándose en afirmacións totalmente infundadas e sen ningún rigor e que nada lle axudan ao comercio de Ribadeo, o que evidencia que prefiren situarse nunha oposición irresponsable en vez de facer propostas polo ben do noso pobo. Aproveitamos para aclararlles, unha vez máis, que a axuda do Concello aos particulares pola campaña das Panchas non obriga a ter que realizar a declaración da renda xa que se trata tecnicamente dunha ganancia patrimonial que só hai que declarar cando supera os 1.000 euros ao ano, e non é o caso; de modo que aquelas persoas que polas súas circunstancias xa estaban obrigadas a presentar a declaración da renda teñen que seguir presentándoa e aquelas que non tiñan tal obriga seguen sen ter que presentala. Así de sinxelo”.

Pablo Vizoso engadiu que “aprobamos tamén o apoio como Concello ao nomeamento de Francisco Fernández del Riego como homenaxeado nas Letras Galegas para o 2023; un expediente de suplemento de crédito a cargo de remanente de tesourería para atender diferentes gastos, entre eles a campaña das Panchas anteriormente comentada, e tamén gastos da operativa do Ribadeo Indiano e de adquisición de maquinaria. E noutro punto aprobamos tamén os gastos relativos as cotas comunitarias dun local que recentemente pasou a ser propiedade do concello situado na Avenida de Asturias”.

A concelleira de Servizos Sociais, Mónica Freire, explicou que “outro punto que se tratou foi o da actualización do 6,8% do IPC ao Prezo Público do Hospital Asilo. Isto evidentemente supón un incremento aínda que, con todo, estes prezos seguen a ser dos máis baixos de toda a contorna e incluso de Galicia”.

A edil nacionalista dixo: “sabemos que este centro necesita unha actualización e unha renovación da súa infraestrutura, pero tamén sabemos que mentres iso non aconteza, o centro debe seguir sosténdose e seguir dando a mellor atención posible, como sempre se fai. E para iso fan falta os recursos. Desde o Concello así o facemos con unha axuda anual duns 90.000 euros ao facernos cargo dos diferentes consumos enerxéticos así como dunha imporante partida económica para axudar na adquisición de alimentos de proximidade para os residentes”.

E engadiu que “propuxemos esta suba porque así está establecida no regulamento de funcionamento do centro, e porque así tamén o fixemos anteriormente no ano 2020. Botamos de menos que en todo este tempo atrás a oposición, singularmente o PP, sempre apoiaran estas medidas regulamentarias, pero agora non foi así. Primeiro votaron en contra e logo abstivéronse. Parece ser que teñen contradicións. A nós parécenos que máis que contradicións o que teñen é unha dobre moral e un dobre discurso, porque van alí ao Hospital Asilo prometendo as virtudes do paraíso, pero logo no mundo real non apoian a sostibilidade do centro. Tanto ten, nós como goberno, e precisamente por responsabilidade de goberno si o fixemos, si o facemos e si o seguiremos a facer, tanto na xestión ordinaria como na futura e próxima revisión estrutural do edificio. A ver se eles, están á altura”.

MOCIÓNS

Freire Rancaño tamén se referiu ás mocións debatidas na sesión plenaria ordinaria de onte: “a primeira debatida foi unha moción tipo do Partido Popular en apoio ás forzas e corpos de seguridade do Estado coa Lei Seguridade Cidadá, na que o noso grupo votou en contra porque se trata dunha tema extemporáneo xa que esta lei xa foi tramitada e aprobada, deixando claro, iso si, o noso apoio ás forzas e corpos de seguridade do Estado, como non pode ser doutro xeito. Debatemos tamén unha moción do BNG para pedir á Xunta de Galicia que cumpra as súas obrigas en materia de publicidade e transparencia dos fondos europeos na obra do CEIP Gregorio Sanz que se está a levar a cabo. Estas obras, que están financiadas a través do convenio do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana do Estado e a comunidade autónoma, con fondos europeos, que se reciben para a execución destas obras e, ao igual que nos ocorre ao resto de administracións, tamén ao Concello de Ribadeo, cando recibimos diñeiro público doutras administracións temos unha serie de obrigas e compromisos que debemos cumprir para non ter problemas na xustificación e polo tanto poder recibir ese diñeiro. Pero o que vemos é que neste caso a Xunta está facendo caso omiso destas obrigas poñendo en risco o financiamento europeo destas melloras no colexio. Deste xeito aprobamos instar á Xunta de Galicia a que corrixa isto e coloque os logos e demais emblemas europeos que a lei lles obriga. E, por último, debatemos tamén unha moción do Partido Socialista, que aprobamos, na que se pide á Xunta de Galicia que implante de forma permanente o programa Coidados porta a porta”.

Sobre o capítulo de rogos e preguntas indicou que “logo, coma sempre, os rogos e as preguntas, apartado no que fomos respondendo a todas e cada unha destas cuestións que se formularon por parte dos dous grupos da oposición, comprometéndonos a atender a aquelas positivas e que redundan no interese de Ribadeo e rexeitando as que non aportan nada ou que son extemporáneas”.

0.1756649017334