O Pleno de Ribadeo aprobou a expropiación de terreos para o aparcadoiro de vehículos en Rinlo

AMariñaXa
O Pleno de Ribadeo aprobou definitivamente o expediente de expropiación de terreos para a construción dun aparcadoiro de vehículos en Rinlo.
concello de Ribadeo vista 2
6 Abr 2022

No pleno ordinario celebrado onte no Concello de Ribadeo foi aprobado definitivamente o expediente de expropiación de terreos para a construción dun aparcadoiro de vehículos en Rinlo. Tamén se aprobaron dous asuntos importantes nas relacións entre Ribadeo e os Concellos limítrofes de Trabada e de Barreiros, segundo asegurou o alcalde, Fernando Suárez. 

O rexedor declarou: “moi interesante este primeiro dos dous plenos que levaremos adiante esta semana. No de onte saíron todos os puntos adiante. Houbo dous asuntos importantes nas relacións entre Ribadeo e os dous Concellos limítrofes. Por unha banda, fixemos unha encomenda de xestión co veciño Concello de Trabada para arranxar e ampliar unha ponte que nos une entre Teixido-Piñeiro e mais a parroquia trabadense de Balboa. E pola outra banda, aceptamos unha encomenda de xestión do outro Concello veciño de Barreiros para levar conxuntamente outro obradoiro dual de emprego, relativo aos servizos sociais, especialmente para persoas maiores”.

Fernando Suárez contou que “tamén acordamos aprobar definitivamente o expediente de expropiación dos terreos para a construción dun aparcadoiro de vehículos en Rinlo”.

O alcalde relatou que “se debateu unha moción do PP sobre as melloras na sanidade, onde o PP pretendía recriminar actitudes máis valentes do goberno do Estado, algo que pola nosa parte compartimos. Pero cando lles propuxemos requirirlle esas mesmas actitudes ao goberno galego, responsable da sanidade pública, xa non pensaron o mesmo. Polo tanto estas mocións tipo, son valeiras de contido e tan só son unha pura propaganda, son presentadas aquí, en Burela, en Viveiro… De feito, unha das causas maiores da falta de profesionais actualmente son as políticas nefastas que os gobernos do PP de Rajoi levaron adiante coa supresión das taxas de reposición de funcionarios ou mesmo a precarización dos sanitarios que  levaron a unha chea deles a ter que emigrar, etc. De todo isto o PP ten memoria de peixe”. 

E engadiu: “e logo coma sempre rogos e preguntas, onde fomos respondendo a todas e cada unha das cuestións que se formularon por parte dos grupos da oposición, comprometéndonos a atender aquelas positivas e que redundan no interese de Ribadeo e rexeitado aquelas outros que son demagóxicas ou extemporáneas”.

PSOE

Marta Rey pediu explicacións sobre a situación na que se atopa o céspede do campo de fútbol do Pepe Barrera e as datas de celebración do Ribadeo Indiano.

Os socialistas de Ribadeo demandaron explicacións no Pleno de onte, sobre a situación na que se atopa o céspede do campo de fútbol do Pepe Barrera.“Tras escoitar as queixas dos usuarios interpelamos ao Goberno Local para coñecer si Calfensa seguía encargándose do mantemento deste espazo deportivo. Segundo nos explicaron o mantemento é compartido, por unha banda Calfensa encargase da parte técnica e do resto de labores de mantemento, tanto o abono como o segado realízao o Concello”. 

Marta Rey, interesouse tamén na sesión plenaria, polo inicio das obras que une a zona rural co centro de Ribadeo. A vía provincial, que vai a Vilela, dotarase de beirarrúas no paso sobre as vías do ferrocarril, unha estrada importante que transcorre polas parroquias do rural como son Ove, Cubelas, Arante e Cedofeita. Ademais demandou o arranxo da estrada do faro “aproveitando que se vai a construír o carril bici, parécenos moi necesario que se mellora esta vía de comunicación tan utilizada pola veciñanza”. 

A Voceira Socialista tamén se interesou pola promoción turística de Ribadeo. “O Ribadeo Indiano parécenos unha aposta turística de primeiro nivel na nosa provincia, por iso, demandamos coñecer a data prevista da súa celebración e xa nos avanzaron que será na segunda fin de semana de xullo”.

Rey interveu para coñecer as previsións do Concello sobre a ubicacion do mercado dos mércores. “Dende o Grupo Socialista, como xa defendemos noutras ocasións, entendemos que o mercado debería regresar a súa ubicación orixinal tal e como demandan os parceiros, é dicir á Praza de Abastos. O concelleiro de turismo dixo que a intención do Goberno sempre foi a de que o Mercado regresase arredor da Praza de Abastos. Estaremos expectantes para que se cumpra o que demandan os seus usuarios”, dixo.

A Voceira preguntou sobre a chegada de refuxiados ucraínos ao Concello, “onde nos contestaron que é importante facelo polos cauces oficiais, e que non se ten constancia da chegada ningún refuxiado á nosa vila”.

MONCIÓNS

E por último no que se refire á moción presentada polo PP sobre a sanidade. “Queremos lembrar que a taxa de reposición co goberno socialista está nun 120%, co do PP nun 10%. Significa que co PSOE de cada 10 profesionais que se xubilan entran 12 a traballar, co PP entra un. Ademais, Feijóo deixou de convocar nos últimos anos 151 Prazas Mir”, advirten dende o PSdeG.

Por último hai que sinalar que “a Xunta é a institución competente para a contratación en Sanidade, e dende o 2009 onde gobernaba o famoso bipartito que tanto lles gusta nomear, perdéronse en Galicia case 1000 postos sanitarios”, critican.

Por todo iso os socialistas pregúntanse porque non reclamaron estas melloras cando gobernaba o PP de Rajoy. “Estamos a favor como sempre fixo o Partido Socialista dunha sanidade pública, digna para todos, pero non compartimos sacarlle rédito político e sobre todo cunha actitude tan hipócrita e oportunista como fai o PP de Ribadeo”.

0.19367289543152